A Deputación apoia o Festival Galicreques, que estreará 16 espectáculos e celebrará o seu trixésimo aniversario na Sala Capitol
A deputada de cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación oficial da mostra, que acollerá a compañías de Arxentina, Italia, Portugal, México ou Colombia entre o 11 e o 19 de outubro en Santiago de Compostela
As formacións galegas Mircromina, Kalina Teatro e Nauta tamén presentarán producións inéditas ao abeiro do Galicreques

O Festival Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio da Deputación da Coruña, estreará 16 espectáculos durante a súa trixésima edición, que se desenvolverá entre o 11 e o 19 de outubro en Santiago de Compostela. Compañías de Arxentina, Italia, Portugal, México ou Colombia darán a coñecer os seus novos espectáculos neste Galicreques tan especial, no que se festexarán tres décadas de traxectoria. Así se anunciou esta mañá nun acto no que participou a deputada de cultura, Natividade González, xunto a Jacobo Sútil, director de Agadic; Jorge Rey, director de Galicreques e Miriam Louzao, Concelleira de capitalidade cultural.
"Desde a Deputación da Coruña queremos felicitar á organización polo esforzo e a dedicación que, durante tres décadas, fixeron posible que Compostela se converta cada mes de outubro nun escenario aberto á imaxinación, á creatividade e á diversidade cultural" sinalou a deputada. "O Galicreques é xa un festival internacional de referencia, no que participan compañías de Galicia, do resto do Estado e doutros países de Europa e de América. Pero, sobre todo, é un festival feito para a cidadanía, que enche teatros, prazas e rúas, que achega os monicreques ás nenas e nenos nas funcións escolares, e que tamén sorprende ás persoas adultas coa programación máis arriscada e contemporánea".
Natividade González reafirmou o compromiso da Deputación coa cultura como un dereito fundamental, "e por iso apoiamos este festival a través das nosas liñas de axuda á creación e difusión cultural, convencidas de que proxectos coma o Galicreques contribúen a fortalecer o noso tecido cultural, a dinamizar a economía local e a facer provincia".
O aniversario protagonizará dous actos dentro do cartel de Galicreques. O primeiro deles chegará o mércores 8 de outubro e consistirá nunha festa de inauguración que acollerá a Sala Capitol. Ao longo da velada -pensada para ser un grande encontro do sector escénico en xeral e do teatro de monicreques en particular- sucederanse as actuacións e as sorpresas. O segundo acto vencellado terá lugar o luns 13 ás 20.00 horas na xa tradicional carpa que Galicreques instala na Alameda. A esa hora, diferentes artistas que actuaron ao longo dos anos no encontro compostelán ofreceranlle ao público as súas vinculacións artísticas e emocionais co festival, os monicreques e a mais cidade. Jorge Rey, director e fundador de Galicreques encargarase de moderala.
Primeira estrea na Reixa
O sábado 11, A Reixa tenda acollerá a primeira estrea deste 2025 dentro do Galicreques: neste local a formación colombiana El Guiñol del Guiñol representará por vez primeira a obra El último árbol. Ese mesmo día ás 18.00 horas, no Centro Sociocultural do Romaño, chegaralle a quenda a compañía galega Mircromina Teatro, que presentará a súa nova proposta escénica: Pasmo de Pedra.
A partir dese primeiro día de festival, sucederanse as estreas. Dentro do cartel internacional, destacan os espectáculos inéditos de formacións como a Fío D'Azeite (Portugal), que estreará O rei va nú na carpa da Alameda o domingo 12; Títeres Candelilla (Chile), que farán o propio coa peza Kuiyen, sueño mapuche o martes 14 na Fundación SGAE; e Zaches Teatro (Italia), que botará andar en Galicreques a súa nova montaxe: Cenicienta.
Vellos coñecidos do público compostelá tamén escollerán o Galicreques para dar a luz os seus novos proxectos. É o caso de Panta Rhei, compañía vasca galardoada co Premio Galicreques en 2018, que presentará Krim, pequeño lobo o xoves 16, ou os catalán Fil de Guá, que sorprenderán ese mesmo día coa súa nova obra: Emproianova.
Clausura con Nauta
O domingo 19 de outubro, a compañía Nauta encargarase da clausura deste Galicreques de celebración. Farao no Teatro Principal coa súa nova obra, Ephimeros. A representación será ás 20.00 horas, xusto despois da entrega do Premio Galicreques 2025. A figura homenaxeada darase a coñecer proximamente.
A terceira compañía galega que estreará neste Galicreques, xunto a Nauta e Mircromina, será Kalina Teatro. A formación presentará a súa peza Limonardo dá vento o venres 12 no CSC de Santa Marta, dentro da programación escolar deste ano.