Estás en:Novas

Sol Agra inaugurou as xornadas da área de Dereitos Civís da Deputación sobre as mulleres migrantes

O Centro Etnográfico Río Mandeo, en Teixeiro, acolle ata este domingo un programa que inclúe espazos de creación comunitaria e autocoidado, un concerto de Batuko Tabanka e obradoiros de escrita autobiográfica, fotografía, narración oral e inmersión na lingua galega

«Este encontro», explicou Agra, «nace como resposta á necesidade de construír territorios seguros e afectivos fronte a un sistema que historicamente relegou estes corpos á invisibilidade, á explotación e ao sacrificio»

Sol Agra inaugurou as xornadas da área de Dereitos Civís da Deputación sobre as mulleres migrantes

O Centro Etnográfico Río Mandeo, en Teixeiro, acolle ata este domingo 'Cartografías do Corpo Migrante: Arte, tenrura e memoria', un encontro sobre a creación, autocoidado e memoria colectiva de mulleres migradas, negras e racializadas, organizado pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña en colaboración coa plataforma e proxecto educativo 'Mujeres Negras que Cambiaron el Mundo'. Inaugurouno a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, a quen acompañou Zinthia Palomino, xornalista, escritora, integradora social, mediadora intercultural e coordinadora do programa.

«Este encontro», explicou Agra, «nace como resposta á necesidade de construír territorios seguros e afectivos fronte a un sistema que historicamente relegou estes corpos á invisibilidade, á explotación e ao sacrificio». «En contraposición», engadiu, «'Cartografías do Corpo Migrante' reivindica a tenrura, o descanso, a palabra e a arte como formas de resistencia política e cultural».

Para a titular de Dereitos Civís «é un deber moral acoller e integrar as persoas que chegan de outros territorios escapando da violencia, da fame e da precariedade, que buscan un futuro mellor para elas e os seus fillos e fillas». «Négome», afirmou, «a normalizar que o racismo e a aporofobia, se espallen nos discursos políticos, porque non todos os partidos nin institucións somos iguais, e na nosa área de goberno témolo claro: nós imos estar coas migrantes que veñen aquí a axudarnos a traballar e construír unha sociedade máis xusta e diversa».

Centrarse «nas que sofren máis» é, segundo Agra, un dos principais obxectivos das xornadas. «Queremos centrarnos nestas mulleres porque as atravesan distintas discriminacións: por orixe, por xénero e por raza». «Son», abundou, «as que sosteñen, na maioría dos casos, os coidados das nosas persoas maiores e máis novas, e están sufrindo tamén a precariedade laboral que supón o traballo como empregadas nos fogares, invisibles ás demandas laborais».

O encontro será, en palabras da deputada, «a nosa oportunidade de ofrecerlles un espazo ao que normalmente non teñen acceso: un espazo de reflexión, coidado e creación artística, no que tamén teremos un tempo para falar da cultura e lingua da terra de acollida». «Porque», rematou, «nos vemos estas mulleres non só como man de obra para a maquinaria capitalista, na que as mulleres sempre rematamos como vítimas do sistema; vémolas como aliadas, compañeiras na loita pola igualdade e a eliminación de cada unha das diferentes discriminacións que nos atravesan».

O programa
Quince mulleres migradas, negras e racializadas participan nas actividades de 'Cartografías do Corpo Migrante: Arte, tenrura e memoria', cuxo programa inclúe:

  • Obradoiros de escrita autobiográfica, fotografía, narración oral e inmersión na lingua galega.
  • Espazos de creación comunitaria, concibidos como refuxios de memoria e afecto compartido.
  • Participación de artistas e obradoiristas con diversas traxectorias, que achegarán olladas plurais e enriquecedoras.
  • Concerto de clausura de Batuko Tabanka, grupo que celebra a música e a herdanza cultural da diáspora caboverdiana.