A Deputación colabora con ADEGA na celebración do seu 50 aniversario
A institución provincial aporta 24.000 euros para cofinanciar o proxecto "ADEGA 50 Aniversario", unha iniciativa que conmemora o medio século de labor ecoloxista na provincia da entidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a vicepresidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Verónica Torrijos, e a deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García asinaron hoxe o convenio para cofinanciar o proxecto "ADEGA 50 Aniversario", unha iniciativa que conmemora medio século de labor ecoloxista na defensa do medio ambiente galego. O acordo contempla unha achega provincial de 24.000 euros, que representa o 80% dun orzamento total de 30.000 euros, e terá vixencia ata o 31 de xullo de 2026, incluíndo a execución de actividades durante todo o ano 2025.
O proxecto "ADEGA 50 Aniversario" incluirá exposicións itinerantes en diferentes localidades da provincia, un libro conmemorativo e a produción dun documental audiovisual que recollerá os principais fitos da historia do ecoloxismo galego e a traxectoria da entidade. A través destas accións, preténdese difundir e poñer en valor medio século de traballo en defensa da natureza, da sustentabilidade e da conciencia ambiental en Galicia.
A Deputación da Coruña recoñece así o papel que ADEGA desempeñou ao longo das últimas cinco décadas na protección do medio natural e na educación ambiental da cidadanía, converténdose na organización ecoloxista máis veterana do país.
A colaboración recolle tamén que a Imprenta Provincial da Deputación se encargará da edición do libro conmemorativo "ADEGA 50 anos", unha publicación que recollerá testemuñas, imaxes e reflexións sobre a evolución do movemento ecoloxista galego desde a década dos setenta ata a actualidade. Ademais, o documental permitirá recuperar a memoria visual das principais campañas e das persoas protagonistas da defensa ambiental en Galicia.