Estás en:Novas

A Deputación reforza os servizos sociais de Paderne cun novo vehículo para o SAF e máis de 68.000 euros de investimento

Valentín González Formoso visitou o municipio e destacou o compromiso da Deputación coa mellora da atención social e a calidade de vida no rural

A Deputación reforza os servizos sociais de Paderne cun novo vehículo para o SAF e máis de 68.000 euros de investimento

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Paderne, onde foi recibido polo alcalde Sergio Platas e os membros do goberno municipal. Na visita participou tamén a deputada de Política Social, Mar García Vidal.

Durante o acto, o presidente fixo entrega dun vehículo destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que permitirá mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes do municipio e facilitar o traballo das profesionais que prestan o servizo.

"As traballadoras do SAF son unha peza esencial da rede pública de coidados. Co seu esforzo, fan posible que moitas persoas maiores poidan seguir vivindo nas súas casas, no seu contorno, con dignidade e atención personalizada. Desde a Deputación queremos que ese traballo se faga en mellores condicións, e por iso puxemos en marcha esta liña de axudas para dotar aos concellos de vehículos propios", destacou Formoso.

Con este, son xa vinte os concellos da provincia que dispoñen dun vehículo para desprazamentos do SAF financiado pola Deputación. En concreto, contan con este recurso As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso e Toques.

8,7 millóns de euros para servizos sociais municipais

A Deputación da Coruña destina este ano 8,7 millóns de euros ao financiamento dos servizos sociais municipais. No caso de Paderne, o investimento ascende a 68.000 euros, que permiten a contratación de dúas persoas —unha administrativa e un técnico de servizos sociais— e o financiamento de 2.000 horas de atención no SAF, dun total de preto de 400.000 horas en toda a provincia.

Formoso subliñou que "a Deputación é hoxe a principal aliada dos concellos na prestación dos servizos sociais. Mentres outras administracións recortan servizos, nós reforzamos a atención directa, especialmente no rural, onde a poboación está máis dispersa e as necesidades son máis complexas".

Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, lembrou que esta liña de axudas naceu das reunións que o presidente e ela mesma mantiveron con traballadoras do SAF en distintas comarcas da provincia, nas que se puxo de manifesto a necesidade de vehículos municipais para os desprazamentos.

"Moitas coidadoras tiñan que usar o seu propio coche para atender aos usuarios, asumindo custos e riscos persoais. Agora, grazas a esta medida, poden realizar o seu traballo con máis seguridade e menos carga económica, o que tamén repercute na calidade do servizo que se presta ás persoas usuarias", explicou García Vidal.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu o apoio da Deputación e destacou que "este vehículo vai ser moi útil para o noso equipo de Servizos Sociais e para seguir ofrecendo unha atención de proximidade e calidade. A colaboración coa Deputación é fundamental para un concello pequeno como o noso, que quere seguir mellorando o benestar da súa veciñanza".

Investimento récord do Plan Único en Paderne

Durante a visita, Formoso tamén destacou o investimento histórico do Plan Único (POS+2025), que este ano acada os 138 millóns de euros, a maior cifra dende a súa creación.
Grazas a este programa, o Concello de Paderne recibe este ano 801.391 euros, que se destinan tanto a obras de infraestruturas como ao mantemento de servizos públicos esenciais.
O presidente lembrou que, nos últimos dez anos, a Deputación da Coruña investiu en Paderne 8,7 millóns de euros, dos cales 4,3 millóns corresponden ao Plan Único, que permitiron financiar 34 obras municipais e múltiples servizos de interese xeral.

Formoso e o alcalde visitaron tamén a nova rede de saneamento do lugar do Cruceiro, recentemente rematada cun investimento de 115.000 euros, que dota deste servizo básico á zona e mellora a calidade de vida da veciñanza. O alcalde explicou que proximamente acometerán outra obra de saneamento en Vilamourel.

"O saneamento e o abastecemento de auga son obras que non se ven, pero que son fundamentais no día a día da xente que vive que no rural. Non hai progreso se non garantimos os servizos básico, e nese aspecto o Plan Único é fundamental", afirmou o presidente provincial.