Estás en:Novas

A Deputación apoia as reivindicacións do Foro Cidadán polo Ferrocarril para a modernización da infraestrutura ferroviaria de Ferrolterra

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá con representantes da entidade para amosar o seu apoio ás súas demandas.
Formoso demanda ao Estado unha maior implicación na mellora das conexións ferroviarias na comarca.

A Deputación apoia as reivindicacións do Foro Cidadán polo Ferrocarril para a modernización da infraestrutura ferroviaria de Ferrolterra

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co Foro Cidadán polo Ferrocarril, dentro da rolda de encontros que esta plataforma está a desenvolver co obxectivo de reivindicar a modernización e mellora dos servizos ferroviarios nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Na xuntanza, celebrada na sede provincial, o presidente provincial destacou o compromiso da Deputación coa defensa dun transporte ferroviario digno e competitivo para o norte da provincia. "Hoxe temos o pracer de recibir a este foro ferrolán que busca impulsar a modernización das infraestruturas ferroviarias de Ferrol á Coruña e, ante isto, a Deputación non pode quedar á marxe", afirmou.

"É certo que o Estado ten que involucrarse en mellorar esta vía. O que non pode ser é que haxa políticas de mellora constante en todos os territorios e que Ferrol quede á marxe, tanto en transporte de viaxeiros como de mercadorías. Se queremos recuperar demográficamente esta comarca e manter a competitividade económica, necesitamos unha axuda por parte do Estado de forma urxente. No 2026 temos que ver sinais de compromiso do Estado con Ferrolterra", aseverou González Formoso.

Pola súa parte, o representante do Foro Cidadán polo Ferrocarril, Xabier Dongil, valorou como "positiva" a reunión e agradeceu a boa disposición da Deputación para apoiar o documento unitario aprobado polas entidades sociais e económicas de Ferrolterra, que recolle as principais demandas en materia ferroviaria. "Coincidimos na análise das necesidades e o que queda é dar os pasos para ir cumprindo as diferentes etapas", explicou Dongil, quen anunciou tamén novas mobilizacións para dar visibilidade á situación do ferrocarril na comarca.

O Foro Cidadán polo Ferrocarril anunciou tres accións reivindicativas nas próximas semanas: dúas de carácter simbólico, con percorridos musicais e concentracións no FEVE e na liña Ferrol-A Coruña, e unha manifestación comarcal o 30 de novembro, que contará co apoio da Deputación. "O obxectivo é mellorar a situación ferroviaria da comarca de Ferrol, pero queremos cousas tanxibles", sinalou o representante do Foro, lembrando que aínda non se recuperaron as frecuencias previas á pandemia e que os servizos de cercanías, máis económicos e funcionais, seguen sen funcionar con normalidade.

Tanto a Deputación da Coruña como o Foro Cidadán polo Ferrocarril coincidiron na necesidade de transformar o actual modelo de transporte de media e curta distancia en Galicia, co fin de garantir un servizo público eficiente, accesible e adaptado ás necesidades da cidadanía e do tecido económico de Ferrolterra, Eume e Ortegal.