Estás en:Novas

A Deputación entrega ao Concello da Capela o vehículo eléctrico que prestará o servizo de lanzadeira ás Fragas do Eume

O obxectivo é reducir o uso do vehículo privado no parque natural e dar solución aos problemas de aparcamento

A Deputación entrega ao Concello da Capela o vehículo eléctrico que prestará o servizo de lanzadeira ás Fragas do Eume

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entregou hoxe ao alcalde da Capela, Manuel Meizoso, o vehículo eléctrico que prestará o servizo de lanzadeira de transporte ao Parque Natural das Fragas do Eume, completando así o proxecto do aparcamento disuasorio de As Neves, financiado con fondos europeos Next GenerationEU.

Trátase dunha furgoneta eléctrica Peugeot de 9 prazas, que permitirá trasladar ás persoas visitantes desde o aparcamento disuasorio ata o Camiño da Ventureira, na entrada das Fragas do Eume. O vehículo forma parte do convenio asinado entre a Deputación e o Concello da Capela para mellorar a mobilidade sostible no parque natural, cun investimento total de 220.000 euros a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next GenerationEU.

O presidente provincial destacou que con esta entrega "damos un paso máis nun proxecto pensado para protexer un espazo natural único como é as Fragas do Eume, reducindo o uso do vehículo privado e favorecendo unha experiencia de visita máis ordenada, segura e sostible". Formoso salientou tamén que "a aposta pola mobilidade eléctrica é fundamental para reducir as emisións e avanzar cara a un modelo turístico respectuoso co medio ambiente".

O novo servizo lanzadeira permitirá diminuír o tránsito de vehículos privados de combustión dentro do parque e reducir as emisións de CO₂ e a contaminación acústica, ademais de mellorar a ordenación do tráfico e evitar os problemas de estacionamento que se producen especialmente durante o verán.

O aparcamento disuasorio de As Neves, cuxa construción está a piques de comezar, contará con prazas para autocaravanas, turismos, motocicletas e bicicletas, puntos de recarga eléctrica, zonas verdes e sistemas de infiltración natural de augas, empregando materiais sostibles e integrándose na paisaxe.

A Deputación estima que o servizo de aparcamento disuasorio con lanzadeira de en bus eléctrico para visitantes das Fragas do Eume estará dispoñible para ser usado o vindeiro verán.