A Deputación da Coruña e a Asociación Baroña asinan un convenio para crear o Centro de Transformación Colaborativo e Alimentario Baroña
O proxecto, cun investimento de 160.000 euros da Deputación, impulsará a transformación agroalimentaria, a formación e o emprego sostible na comarca do Barbanza

A Coruña, 13 de outubro de 2025. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Baroña, Ovidio Manuel Queiruga, asinaron este luns un convenio de colaboración que permitirá a creación do Centro de Transformación Colaborativo e Alimentario Baroña, unha infraestrutura pioneira destinada a fortalecer o sector agroforestal local e promover un modelo de desenvolvemento sostible no rural.
O proxecto, que conta cun apoio económico de 160.000 euros da Deputación da Coruña, nace co obxectivo de mellorar a calidade e competitividade dos produtos agroalimentarios, ofrecer formación práctica en transformación e valorización alimentaria, e fomentar a creación de emprego no territorio.
Un proxecto para diversificar a economía e coidar o territorio
Durante o acto de sinatura, o presidente da Deputación destacou que "o Centro de Transformación de Baroña é un exemplo de innovación rural con raíces locais: aposta pola economía circular, polos produtos de proximidade e pola sustentabilidade ambiental. Suporá unha oportunidade real para que pequenos produtores e produtoras poidan transformar e comercializar os seus produtos sen ter que abandonar o territorio".
Formoso subliñou tamén que o proxecto "responde á filosofía de cooperación da Deputación, que apoia a iniciativas locais con capacidade transformadora e con impacto directo na vida das persoas, no emprego e na conservación do medio natural".
O Centro de Transformación Colaborativo e Alimentario Baroña combinará a transformación de alimentos coa formación especializada en técnicas agroalimentarias, converténdose nun espazo de innovación e aprendizaxe compartida.
As súas instalacións estarán abertas non só á comunidade de Baroña, senón tamén a pequenos produtores da comarca do Barbanza, que poderán utilizalas para elaborar conservas, marmeladas, zumes, pan, bolería ou produtos cárnicos e do mar.
A iniciativa tamén inclúe un espazo de talleres formativos e redes colaborativas, co obxectivo de crear sinerxías entre produtores locais, emprendedores e colectivos sociais da zona.
Da experiencia de Brión a un modelo compartido de transformación sostible.
O novo centro tomará como referencia a experiencia de "Transformando en Brión", un proxecto de éxito apoiado tamén pola Deputación e que xa funciona no Centro Comercial Monte Balado. A alta demanda neste espazo, dedicado á transformación de produtos de horta e conservas, inspirou a creación dun modelo similar en Baroña.
Segundo explicou Formoso, "o que aprendemos en Brión demostra que hai moito talento e capacidade no rural galego, só fai falta ofrecer as ferramentas adecuadas. Con Baroña damos un paso máis cara a un modelo descentralizado e colaborativo de produción alimentaria, xerando sinerxías entre comarcas e novas oportunidades para o territorio".