A Deputación da Coruña presenta MercaNaVila aos comerciantes de Betanzos
Os comerciantes teñen ata o 20 de outubro para adherirse á campaña, que distribuirá 6 millóns de euros en bonos-desconto de 100 € para gastar no pequeno comercio
MercaNavila pretende mobilizar 25 millóns de euros en vendas nos comercios dos municipios de menos de 20.000 habitantes

A Deputación da Coruña presentou hoxe en Betanzos o programa MercaNaVila, a campaña de apoio ao comercio local impulsada pola institución provincial e a Federación Galega de Comercio.
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, acompañado do tenente alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Diego Fernández, visitou o establecemento Roci García, na rúa Travesa, un dos negocios protagonistas do spot promocional da campaña rodado en Betanzos, co obxectivo de poñer en valor o papel do pequeno comercio como motor económico e social das vilas.
Posteriormente, a deputada e o concelleiro reuníronse no salón azul do Edificio Liceo con representantes das asociacións de comerciantes de Betanzos (ACEBE e Checasco) para presentarlles os detalles da iniciativa, á que os comercios poden adherirse ata o 20 de outubro a través da web do programa.
Rosa Ana García explicou durante o encontro que MercaNaVila pretende mobilizar un investimento total de 25 millóns de euros nos comercios locais, a través dun programa de bonos-desconto de 100€ que os consumidores poderán descargar nos seus móbiles a partir do vindeiro luns para efectuar compras nos pequenos comercios dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.
O orzamento que destina a Deputación a este programa é de 6 millóns de euros, un orzamento "ambicioso", segundo explicou a deputada, "xa que a Xunta destina 7,5 millóns en programas similares para toda Galicia, mentres este vai destinado en exclusivas aos pequenos negocios dos concellos coruñeses con menos de 20.000 habitantes".
"Con isto conseguiremos que non só a xente de Betanzos se achegue a comprar a Betanzos, senón que tamén o fagan os habitantes da cidade da Coruña ou dos municipios máis grandes. Queremos que cada euro invertido pola Deputación volva ao comercio de proximidade, que é o que sostén a economía das nosas vilas, xera emprego e dá vida ás rúas", explicou a deputada.
A responsable provincial sinalou tamén que Betanzos conta xa con 38 comercios adheridos á iniciativa, o que reflicte a boa acollida do programa e o interese do sector en participar nesta campaña de dinamización económica."MercaNaVila é unha aposta pola economía de proximidade e polo futuro dos nosos concellos. Cando mercamos nun comercio local, apoiamos o emprego e contribuímos a manter viva a nosa vila", engadiu Rosa Ana García.