Estás en:Novas

Comenzan no Pazo de Mariñán os Encontros Técnicos sobre Infraestruturas Verdes organizados pola Deputación

O programa das xornadas, dirixidas a persoal técnico e administrativo das áreas de Medio Ambiente, Urbanismo e Planificación, buscan solucións viables e realistas para a integración de infraestruturas verdes nos espazos públicos e acadar un hábitat máis resiliente e inclusivo

"Queremos ofrecer apoio técnico e espazos de formación e intercambio, que permitan aos concellos avanzar na planificación e implantación das infraestruturas verdes, convertendo a sostibilidade nun eixo real das políticas locais", sinalou a deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, na inauguración dos encontros

Comenzan no Pazo de Mariñán os Encontros Técnicos sobre Infraestruturas Verdes organizados pola Deputación

Comezou esta mañá no Pazo de Mariñán a primeira das xornadas dos Encontros Técnicos sobre Infraestruturas Verdes, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar a habitabilidade dos espazos urbanos e reducir a vulnerabilidade ante os riscos climáticos. Inaugurouna a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, a quen acompañou o coordinador do proxecto, David Río.

"Con este encontros", explicou García Rey na súa intervención, "queremos acompañar os concellos na súa transición cara a modelos máis sostibles e resilientes". "Desde a área de Asistencia Técnica a Municipios», engadiu, "traballamos para ofrecer apoio técnico e espazos de formación e intercambio que permitan aos concellos avanzar na planificación e implantación das infraestruturas verdes, convertendo a sostibilidade nun eixo real das políticas locais".

Para a deputada, "falar de infraestruturas verdes é falar de poñer a natureza a traballar connosco". "É falar de crear", abundou, "redes de espazos e solucións baseadas na natureza que melloran o territorio, preveñen riscos e fan que os nosos concellos sexan máis saudables e sostibles". "Porque", rematou, "só a través da cooperación entre administracións, universidades e profesionais seremos quen de facer delas unha realidade en toda a provincia".

As xornadas
Concibidas coma un espazo de encontro e debate co obxectivo de superar os obstáculos prácticos na implantación de solucións baseadas na natureza (SbN), o programa dos encontros ofrece un enfoque realista e pragmático para responder ás dificultades que moitas veces lles impiden aos concellos levar a cabo proxectos de infraestruturas verdes.

As xornadas, que reúnen a persoas expertas de recoñecido prestixio, están dirixidas especialmente a persoal técnico e administrativo das áreas de Medio Ambiente, Urbanismo e Planificación das administracións locais, así coma a cargos políticos, entidades sociais e profesionais do sector. Abordarán, en tres sesións matinais, os seguintes temas:

  • 15 de outubro: Innovación e visión de futuro.
  • 21 de outubro: Financiamento e Planificación.
  • 30 de outubro: Implantación e aplicación práctica, con exemplos concretos.

Na xornada de hoxe ofreceron a súa visión da situación Albert Cuchí (co relatorio "Religarse al territorio"), Javier González ("Planificación das infraestruturas verdes") e Valerio González ("Infraestruturas verdes. Da estratexia á intervención física"). Tamén Sergio París (de CEIDA), Isabela Velázquez (Gea 21), Daiane Trevisan (CETIM), Manuel Soto (UdC), Martiño Cabana (AGCT) e Antonio Tucci (Agricultura Rexenerativa), quen participaron nunha mesa redonda sobre innovación.