A Deputación presenta o programa MercaNaVila aos comerciantes de Muros
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, fixo un recorrido polas rúas de Muros instando aos comercios a participar no programa
Os comerciantes teñen ata o 20 de outubro para adherirse á campaña, que distribuirá 6 millóns de euros en bonos-desconto de 100 € para gastar no pequeno comercio
MercaNaVila conta cun orzamento de 6 millóns de euros cos que se pretende apoiar ó comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, fixo esta mañá un recorrido polas rúas de Muros instando aos comercios a participar en Mercanavila na nova iniciativa da Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Comercio. Durante a visita, na que estivo acompañada pola tenente de alcaldesa e edil de Facenda, Caridad González; e pola edil de promoción económica, Laura Rivadeniera; Igualdade, Maruxa Martínez e Deportes e Mocidade, Damián Torea, a deputada de Emprego resolveu todas as dúbidas sobre o proceso de adhesión dos establecementos interesados, que teñen como prazo ata o 20 de outubro ás 9:00 horas para participar.
MercaNaVila é un dos maiores programas de impulso ao consumo de proximidade activado en Galicia nos últimos anos. Está dotada con 6 millóns de euros e ten como principal obxectivo apoiar ao comercio local nos concellos de menos de 20.000 habitantes así como dinamizar as compras de proximidade.
"MercaNaVila no só é unha ferramenta coa que se incentivarán as vendas, tamén é un piar para impulsar o comercio dos pequenos municipios", afirmou a deputada, resaltando a importancia destes establecementos "porque representan un piar fundamental xa que actúan como motor económico e como xerador de emprego das nosas vilas".
MercaNavila conta xa con máis de 700 comercios adheridos, 13 deles no municipio de Muros.
A cidadanía poderá descargarse os bonos de 100 euros en descontos directos (entre 5 e 15 euros en función do importe de cada compra), a través da páxina web www.mercanavila.gal a partir do 20 de outubro e ata o 20 de novembro ou ata que se esgote o orzamento dispoñible.