Estás en:Novas

A Deputación impulsa a transformación verde do corazón de Ferrol coa remodelación da Praza de Ferrándiz

A Deputación licita a obras, con de máis de 600.000 euros de orzamento, que transformarán esta zona de Esteiro nun lugar máis sostible, accesible e pensado para o goce da cidadanía.

A actuación forma parte dun investimento global dun millón de euros na cidade, financiado integramente cos fondos NextGenerationEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

O proxecto é clave dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra".

A Deputación impulsa a transformación verde do corazón de Ferrol coa remodelación da Praza de Ferrándiz

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación, por un orzamento de 605.926,76 euros, a obra de remodelación do sector norte da Praza de Ferrándiz, no barrio ferrolán de Esteiro. A actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) "Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra", financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) da Unión Europea – NextGenerationEU. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 29 de outubro de 2025 ás 23:59 horas.

"Esta intervención supón un paso importante na rexeneración urbana do centro histórico de Ferrol e na recuperación do seu valioso patrimonio paisaxístico e histórico, coa creación dun espazo pensado para o lecer, o paseo e o encontro cidadán. A Praza de Ferrándiz recuperará a súa identidade histórica, respectando o trazado orixinal do Cadro de Esteiro, e converténdose nunha referencia para veciños e visitantes", destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O proxecto aposta por unha urbanización branda, respectuosa co medio e co deseño orixinal do antigo Cadro de Esteiro, trazado no século XVIII baixo criterios xeométricos cartesianos.

O obxectivo é recuperar o carácter unitario deste ámbito, dividido hoxe pola avenida de Mac Mahón, e crear un espazo público de calidade, pensado para o paseo, o descanso e o encontro cidadán. O deseño potencia o eixo norte-sur con novos percorridos peonís, integra zonas axardinadas con céspede e terrizo compactado, e incorpora áreas de xogo infantil, equipamento biosaudable e mobiliario urbano accesible. Ademais, prevese a instalación de novas fontes, alumeado eficiente e un sistema de rego automatizado para mellorar o mantemento e o uso responsable da auga.

As actuacións inclúen tamén a reposición das beirarrúas perimetrais, a creación de novas prazas de aparcamento reguladas e a recuperación da aliñación histórica de álamos negros que delimitaban o antigo Cadro de Esteiro, co fin de reforzar a súa identidade paisaxística e histórica.

Un plan integral para a Costa Ártabra de 3 millóns de euros

A remodelación da Praza de Ferrándiz é unha das cinco actuacións contempladas no PSTD "Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra", que supón un investimento total de 993.612,40 euros na cidade, financiados integramente pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. Xunto a esta intervención, o plan inclúe a recuperación do Baluarte de San Xoán, a creación de ferramentas dixitais e mapas virtuais para divulgar o patrimonio militar e histórico, e o desenvolvemento dunha plataforma web de promoción turística do destino Ferrolterra.

Con este proxecto, a Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol avanzan conxuntamente na posta en valor do patrimonio histórico e na transformación sostible do espazo urbano, contribuíndo á mellora da calidade de vida cidadá e á promoción dun modelo de turismo respectuoso, innovador e de calidade.

Esta actuación reforza ademais o compromiso da Deputación coa recuperación do patrimonio militar e cultural da Costa Ártabra, que suma xa máis de tres millóns de euros investidos entre o PSTD de Ferrol e o Plan de Recuperación das Baterías Militares da Costa de Ferrolterra, impulsado tamén pola institución provincial.

A remodelación da Praza de Ferrándiz converterá un dos lugares máis emblemáticos de Esteiro nun espazo de referencia para a veciñanza e visitantes, unindo historia, natureza e modernidade ao servizo dunha cidade máis verde, máis accesible e máis viva.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---