A Deputación da Coruña apoia as Confrarías de Pescadores de Espasante (Ortigueira) e O Barqueiro (Mañón) na mellora da producción e comercialización dos produtos da ría
Cristina Capelán visitou as confrarías para coñecer de primeira man as súas necesidades e os proxectos impulsados coa colaboración provincial

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, visitou as confrarías de pescadores de Espasante (Ortigueira) e O Barqueiro-Bares (Mañón), co obxectivo de interesarse pola súa actividade e coñecer as súas necesidades e os investimentos que realiza a institución provincial no ámbito mariñeiro.
No caso de Espasante, a Deputación destina 16.663 euros a través da liña de subvencións a confrarías para apoiar o proxecto de mellora da comercialización dos produtos pesqueiros e marisqueiros da Ría de Ortigueira. Esta actuación permite reforzar a contratación de persoal técnico e a compra de semente de ameixa, co obxectivo de aumentar a rendibilidade e a sustentabilidade do sector marisqueiro local.
"A colaboración coa Deputación permítelles ás confrarías manter e mellorar o emprego, modernizar a comercialización e asegurar o relevo xeracional no sector", destacou Cristina Capelán, quen puxo en valor "o papel esencial das mulleres mariscadoras e o esforzo diario dun colectivo que combina tradición e innovación para garantir o futuro das rías galegas".
A deputada lembrou que o proxecto de Espasante "non só mellora a xestión e a primeira venda dos produtos do mar, senón que tamén reforza a formación e o apoio técnico ás mariscadoras e mariñeiros", o que contribúe a incrementar o valor engadido dos produtos locais e a súa presenza no mercado.
A Confraría de Espasante, con actividade tanto no marisqueo a pé como na pesca artesanal, mantén unha colaboración continua con outras confrarías da comarca, como a do Barqueiro, con plans conxuntos de extracción de ourizo e longueirón, promovendo así a coordinación e o aproveitamento sostible dos recursos mariños.
Apoio ao semicultivo na Confraría do Barqueiro-Bares
Durante a visita, Capelán tamén se reuniu coa directiva da Confraría do Barqueiro-Bares, que recibe este ano 7.056 euros da Deputación para a adquisición de semente de ameixa xaponesa destinada ao semicultivo. O proxecto, desenvolvido entre abril e outubro, reforza a actividade produtiva e contribúe a repor as perdas causadas polos temporais e a garantir o ciclo anual de produción, xerando emprego e estabilidade económica para o colectivo marisqueiro.
A deputada destacou que estas axudas forman parte do compromiso da Deputación coa economía do mar, apoiando investimentos que promoven a sustentabilidade ambiental, o emprego feminino e a diversificación das actividades pesqueiras e marisqueiras en todo o territorio costeiro da provincia.