A Deputación da Coruña e o Concello de Noia avalian actuacións para mellorar a seguridade viaria no municipio
A deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, reuniuse co alcalde Francisco Pérez e visitou os lugar de A Ponte e a estrada de Sobreviñas para avaliar melloras en varios puntos da rede viaria provincial

A deputada de Vías e Obras da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez Ordóñez, acompañada de técnicos e enxeñeiros do departamento provincial, visitou hoxe o municipio de Noia para analizar, xunto co alcalde Francisco Pérez, posibles actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria en distintos puntos do termo municipal.
Durante a xornada de traballo avaliáronse varias propostas de intervención, entre elas as relativas ao lugar de Ponte e á estrada de Sobreviñas, onde se detectaron necesidades urxentes de mellora para garantir unha circulación máis segura e cómoda tanto para vehículos como para peóns. "A Deputación da Coruña mantén unha colaboración constante cos concellos para avanzar na mellora da rede provincial de estradas e da seguridade viaria, especialmente nas zonas máis transitadas ou con maior risco", explicou Mónica Rodríguez, quen subliñou "a vontade de seguir traballando conxuntamente co Concello de Noia para impulsar os proxectos que se definirán nas próximas semanas".
A deputada destacou que estas actuacións forman parte do compromiso da Deputación coa mobilidade segura e sostible, un dos eixos prioritarios da área de Vías e Obras, que realiza cada ano centos de intervencións nos concellos da provincia para mellorar a accesibilidade, o tránsito e o benestar da veciñanza.
Pola súa banda, o alcalde Francisco Pérez agradeceu a visita e o apoio da institución provincial, e salientou que "a seguridade viaria é unha prioridade para o goberno local, especialmente nas zonas onde os veciños e veciñas levan tempo demandando solucións concretas. A nosa intención é que estas actuacións se concreten canto antes para dar resposta ás súas necesidades e mellorar a calidade de vida en todo o municipio", afirmou o alcalde de Noia.