A Deputación da Coruña reivindica en Fene a memoria das vítimas do franquismo na presentación do libro “Memorial e Monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal”
O portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, salientou que lembrar é un exercicio de xustiza, verdade e dignidade, e afirmou que "non hai futuro sen memoria nin democracia sen respecto á verdade"

A Casa da Cultura de Fene acolleu este mércores a presentación do libro "Memorial e Monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal", unha obra editada pola Deputación da Coruña que recolle o traballo de recuperación da memoria das 904 vítimas da represión franquista nestas comarcas.
O acto contou coa participación do portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, quen destacou que "non é un libro calquera, senón un testemuño colectivo e unha homenaxe ás persoas que deron a súa vida por defender a democracia e a Constitución no noso país".
"Este libro é, sobre todo, un exercicio de xustiza, de verdade e de dignidade", afirmou Fernández, quen destacou o labor das persoas e colectivos "que se negaron a aceptar o silencio como destino e entenderon que lembrar non é mirar atrás con rencor, senón mirar cara adiante con memoria".
O portavoz provincial lembrou as palabras do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, no limiar do libro: "só morre de verdade quen desaparece da nosa memoria". "Grazas a este libro —engadiu—, e grazas ao monumento que o precedeu, as vítimas da represión en Ferrolterra, Eume e Ortegal seguen vivas entre nós".
"A Deputación estará sempre do lado correcto da historia"
Na súa intervención, Fernández evocou a memoria de traballadores, mestres, mariñeiros, labregos e cargos públicos elixidos democraticamente, como José López Bouza, presidente da Deputación da Coruña en 1936, fusilado por defender a legalidade constitucional.
Recordou tamén que houbo que agardar máis de sete décadas "para que un goberno provincial socialista devolvese o seu retrato á galería de presidentes, restituíndo a súa dignidade e o lugar que lle correspondía na historia".
"Hoxe estamos aquí para facer o contrario do que fixo a ditadura: para darlles voz, nome e presenza, e afirmar con claridade que a súa loita non foi en vano. Grazas a eles e a elas, hoxe vivimos nun país en paz, libre e plural", subliñou o portavoz.
Tamén advertiu sobre o avance da desmemoria e da banalización da ditadura: "Vivimos tempos nos que a crispación e o discurso do odio volven gañar espazo. Hai quen se permite relativizar o valor da democracia. Por iso é tan importante dar visibilidade a proxectos como este, que nos lembran que a liberdade da que gozamos tivo un prezo moi alto e que esquecer é o primeiro paso para repetir os erros máis tráxicos".
Fernández insistiu en que "a Deputación da Coruña estará sempre do lado correcto da historia: do lado da verdade, da memoria e da xustiza. Non por ideoloxía, senón por convicción ética e democrática".