Estás en:Novas

“O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura”, a debate en Mariñán co apoio da Deputación

No encontro expuxéronse recursos e perspectivas laborais para o autocoidado das persoas que traballan na xestión cultural e abordouse a aplicación dos manuais de boas prácticas difundidos pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) arredor das artes visuais e os espectáculos ao vivo

A primeira edición dos Premios do Castro á Xestión Cultural Galega, creados este ano pola AGPXC, recoñeceu a traxectoria de Madó Santos, técnica de Cultura de Muros

"Na Deputación apostamos con decisión por iniciativas que fortalecen o tecido cultural, que apoian a creación e que dignifican o traballo das e dos profesionais do sector", afirmou a deputada de Cultura, Natividade González, na presentación da xornada

“O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura”, a debate en Mariñán co apoio da Deputación

O Pazo de Mariñán acolleu hoxe a xornada "O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura", organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) con financiamento da Deputación da Coruña. No encontro, presentado pola deputada de Cultura, Natividade González, e por Clara R. Cordeiro, presidenta da AGPXC, expuxéronse recursos e perspectivas laborais para o autocoidado das persoas que traballan na xestión cultural e abordouse a aplicación dos manuais de boas prácticas difundidos pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) arredor das artes visuais e os espectáculos ao vivo.

"Na Deputación", dixo González, "temos moi claro que a cultura non é un luxo nin algo accesorio, é un dereito e un servizo público". "É", afirmou, "o que nos axuda a entendernos, a compartir identidade e a construír sociedade; por iso, apostamos con decisión por iniciativas que fortalecen o tecido cultural, que apoian a creación e que dignifican o traballo das e dos profesionais do sector".

Louvou a deputada de Cultura o traballo, "discreto moitas veces, pero absolutamente esencial," dos e das xestores culturais, "persoas que fan que as cousas pasen, que están detrás dos proxectos, acompañando, mediando, facendo que o público e o artístico se atopen". Tamén se referiu González aos novos Premios do Castro á Xestión Cultural Galega: "Son importantes porque recoñecen ese traballo constante dos xestores e das xestoras culturais; silencioso ás veces, pero fundamental para que a cultura chegue á xente; por iso este premio é tamén un xesto de agradecemento e de orgullo colectivo".

A titular provincial de Cultura rematou a súa intervención poñendo en valor a cooperación entre administracións: "Na Deputación queremos sumar, colaborar e seguir aprendendo. Sabemos que a cultura se constrúe entre todas e todos: administracións, profesionais e cidadanía. E encontros coma este son unha oportunidade marabillosa para compartir experiencias, inspirarnos e seguir tecendo redes".

O programa da xornada continuou coa intervención de Berta Álvarez Buylla, secretaria da AGPXC, quen explicou os obxectivos da Enquisa a Profesionais da Xestión Cultural que a súa entidade está a realizar coa colaboración da Deputación da Coruña. Álvarez cedeulle o escenario a Andrea Barreira, socia de 7h Cooperativa Cultural, quen se detivo nas recomendacións para as artes visuais recollidas no Manual de boas prácticas na xestión cultural, editado pola AGPXC. O mesmo fixo a xestora cultural e avogada Patricia Hermida, que se referiu ao manual para abordar a súa adaptación ás necesidades dos espectáculos ao vivo. Sergio Lago, xestor cultural e coordinador do proxecto, foi o último dos relatores, coa proposta "Coidar de Nós: recursos e perspectivas laborais para a profesión".

Premios do Castro
A xornada acolleu tamén a entrega da primeira edición dos Premios do Castro á Xestión Cultural Galega, creados este ano pola AGPXC, que recoñeceu a traxectoria de Madó Santos "a prol da participación da cidadanía nas propostas culturais da vila de Muros". Técnica de cultura, Santos traballou entre 1987 e 2024 na programación de espectáculos ao vivo e obradoiros culturais no ámbito municipal.

"Estes premios", explicou a AGPXC, "nacen para poñer en valor unha profesión que é, en boa parte, responsable da cultura viva e diversa que nos rodea e recoñecer cada ano a traxectoria de figuras destacadas neste eido dentro do noso país". "Escollemos esa denominación", engadiron "como homenaxe ao proxecto cultural e empresarial de Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias, Mimina".