O Festigual volve á Coruña para celebrar a inclusión e a diversidade co apoio da Deputación
A administración provincial achega 30.000 euros da liña de subvencións a festivais
Do 5 ao 28 de novembro, en doce espazos da cidade, o Festigual ofrecerá teatro, música, danza, artes visuais, exposicións, charlas e obradoiros, nunha programación que combina creación contemporánea e espectáculos familiares con propostas sobre temas de actualidade e actividades participativas
A portavoz do goberno provincial, Avia Veira, sinalou durante a presentación que "é un orgullo ver como este festival medra e como cada vez é máis trasversal en canto ás disciplinas artísticas, e como gaña en profesionalizacóin, cantidade e calidade"

O Festigual-Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade volve á Coruña do 5 ao 28 de novembro para ofrecer, en doce espazos da cidade, teatro, música, danza, artes visuais, exposicións, charlas e obradoiros, nunha programación que combina creación contemporánea e espectáculos familiares con propostas sobre temas de actualidade e actividades participativas. A iniciativa, da Fundación Emalcsa coa colaboración do Concello da Coruña, conta co apoio da Deputación, que achega 30.000 euros da liña de subvencións a festivais.
O festival presentouse esta mañá na casa do concello coruñés, nunha rolda de prensa na que interviron a portavoz do goberno provincial Avia Veira; Nereida María Canosa, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña; María Belén Rey, directora de Relacións Institucionais da Fundación María José Jove e responsable do programa Cultura Accesible e Festigual; Carlota Pérez, de Experimentadanza, e Irasema Damaso Carballido, responsable de RSE de Vegalsa-Eroski.
A portavoz provincial sinalou que "é un orgullo ver como este festival medra e como cada vez é máis transversal en canto ás disciplinas artísticas, e como cada ano gaña en profesionalización, cantidade e calidade. É moi gratificante ver como desde a Fundación Emalcsa con este Festigual facedes de nexo de unión con todo este tecido social e con toda esta creación cultural". Veira sinalou que, na Deputación, "temos un eixo vertebrador, un principio fundamental do que saen todas as nosas políticas: o dereito á cultura. Por unha banda, o dereito a acceder á cultura independentemente do teu xénero, dos teus recursos económicos, do teu código postal, da túa idade ou da túa condición, sexas unha persoa cunha discapacidade ou con diversidade funcional ou non. E, por outra, o dereito a crear cultura independentemente do teu xénero, dos teus recursos económicos, do teu código postal, da túa idade ou da túa condición, sexas unha persoa cunha discapacidade ou con diversidade funcional ou non".
Neste sentido, apuntou que "cremos profundamente na capacidade transformadora da cultura. Deste xeito, estaremos favorecendo tamén a cohesión social". "O Festigual", engadiu, "é unha amplísima programación que está moi aliñada coa nosa perspectiva, con ese principio fundamental, polo que para nós é un pracer poder contribuír economicamente o dar soporte para que un ano máis a cidade da Coruña poida contar con este festival, que cada ano nos transforma un pouquiño, que nos fai mellores persoas, grazas ao cal cada ano tamén descubrimos novas creadoras e vemos medrar artisticamente a outras".
O programa
O Teatro Colón, as sedes das fundacións María José Jove e Marta Ortega, o Cárcere de Curtis, o Hospital de Oza, o Centro Ágora, a Casa da Auga e o Fórum Metropolitano son algúns dos espazos que albergará un programa no que, segundo os seus promotores, "a inclusión non é un apartado especial, senón a forma natural de facer cultura". "O obxectivo", explican, "é garantir o acceso universal á cultura e promover a participación activa de todas as persoas na vida artística da cidade, con especial atención a quen está en situación de vulnerabilidade.
Entre as propostas do programa destacan:
- Gala "Música Baixo as Estrelas", no Teatro Colón.
- Visitas guiadas adaptadas ás coleccións de arte e fotografía das fundacións María José Jove e Marta Ortega.
- Representación da obra teatral "Verma", pola asociación Noite de Bohemia, no Cárcere de Curtis.
- A "Xornada de Arte e Saúde", no Hospital de Oza.
- Proxectos de cultura urbana, coma o "Freestyle People en Puré Free", de Poten100mos, ou as sesións participativas de Negus DJ Inclusivo.
- O "Obradoiro de Danzaterapia XQN".
- A exposición fotográfica "Carreiros sen néboa", de Nós Why Not?
- Proxeccións de cinema, no Fórum Metropoitano.
- Concerto d'A Banda da Loba, no Centro Ágora.