A Deputación da Coruña celebra os 40 anos de ASFEDRO e o seu papel esencial na loita contra as adiccións en Ferrolterra
Formoso afirma que Asfedro "rescatou a centos de persoas do inferno da droga e devolveulles o dereito máis básico: o de empezar de novo"

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este xoves no acto de celebración do 40 aniversario de ASFEDRO (Asociación Ferrolá de Drogodependencias), que tivo lugar no Teatro Jofre de Ferrol coa presenza do alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e da presidenta de ASFEDRO, Rosario Alabau, así como de profesionais, voluntarios, familias e usuarios da entidade.
Formoso abriu a súa intervención agradecendo o labor de todas as persoas que fixeron posible a traxectoria de ASFEDRO ao longo de catro décadas e destacou que "non se cumpren todos os días corenta anos de vida, de compromiso, de loita, de esperanza e, sobre todo, de vidas recuperadas". O presidente lembrou que detrás de cada ano da historia de ASFEDRO hai centos de persoas que deron o paso máis difícil —pedir axuda— e profesionais e voluntarios que lles tenderon a man "para rescatalos do inferno da droga e devolverlles o dereito máis básico que temos todos: o de empezar de novo".
Formoso lembrou tamén os duros anos nos que Ferrol e a súa comarca sufriron con especial intensidade o impacto das drogas e destacou que foi nese contexto cando un grupo de veciños decidiu actuar. "Así naceu ASFEDRO: da solidariedade e do compromiso social. Desde entón, miles de persoas puideron recuperar a súa saúde, a súa dignidade e o seu proxecto de vida grazas a vós", afirmou.
O presidente subliñou que a Deputación leva moitos anos camiñando ao carón de ASFEDRO e destacou que a última década foi especialmente intensa en colaboración, tanto no apoio á actividade diaria da entidade como na mellora das instalacións da comunidade terapéutica do Confurco. "Podo dicir con orgullo que, grazas ao traballo conxunto entre ASFEDRO e a Deputación, investimos máis de 400.000 euros para facer realidade esa mellora tan necesaria: unha reforma integral que permitirá ofrecer un centro moderno, accesible e con máis prazas, para seguir dando oportunidades de vida a quen máis o precisa", explicou Formoso.
A loita contra a droga non remata nunca
Na súa intervención, o presidente provincial advertiu que a loita contra a droga non remata nunca e debe librarse en moitos ámbitos: no policial, combatendo o narcotráfico con firmeza e sen concesións; no xudicial, aplicando todo o peso da lei sobre quen se lucra coa destrución das persoas; e no social e educativo, para evitar que a mocidade dea o primeiro paso cara ao consumo. "As administracións temos unha responsabilidade fundamental en concienciar á sociedade —e especialmente á xuventude— dos perigos que se agochan tras o consumo e en apoiar o traballo de entidades que, como ASFEDRO, ofrecen unha saída real", sinalou. Formoso apelou tamén á implicación cidadá, asegurando que "debemos dicir alto e claro que quen trafica coa vida e coa saúde das persoas non merece o noso silencio, senón o noso rexeitamento máis rotundo".
Na parte final da súa intervención, o presidente da Deputación quixo recoñecer a contribución de ASFEDRO á sociedade de Ferrolterra. "Celebramos corenta anos dunha historia feita de humanidade, de constancia e de esperanza. ASFEDRO demostrou que ningunha ferida é irreparable se hai cariño, profesionalidade e compromiso." Formoso agradeceu á presidenta Rosario Alabau e a todo o equipo da entidade "por facer de Ferrolterra un lugar mellor, máis humano e máis solidario", e reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña: "Seguiremos ao voso lado en todo o que precisedes, porque sabemos da importante labor que facedes. Parabéns por estes 40 anos".