A Deputación contrata a 180 profesionais do ámbito social nos concellos e financia 372.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar
A deputada de Política Social inaugurou en Mariñán o XII Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios baixo o lema "Tempos de humanidade e tecnoloxía"

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, inaugurou hoxe no Pazo de Mariñán o XII Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha cita anual que reúne a responsables políticos, profesionais e técnicos dos concellos integrados no Consorcio As Mariñas para reflexionar e compartir experiencias sobre a atención social de proximidade. Na apertura participaron tamén o presidente do Consorcio As Mariñas e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e a alcaldesa de Betanzos e responsable do Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio, María Barral Varela.
Baixo o lema "Tempos de humanidade e tecnoloxía", o encontro serviu como espazo de reflexión sobre o papel dos servizos sociais nun contexto marcado pola dixitalización e os novos desafíos sociais. "Vivimos nun mundo que muda a gran velocidade, onde a tecnoloxía abre oportunidades extraordinarias pero tamén nos obriga a repensar o noso papel como profesionais e como institucións. A clave está en atopar o equilibrio: aproveitar a tecnoloxía como ferramenta útil, sen perder nunca a humanidade que dá sentido ao noso traballo", afirmou Mar García Vidal durante a súa intervención. A deputada destacou que os servizos sociais comunitarios representan "a capacidade de escoitar, comprender e acompañar ás persoas nos momentos máis difíciles", unha función que, subliñou, "non pode ser substituída por ningunha pantalla nin algoritmo".
García Vidal agradeceu o labor de traballadoras e traballadores sociais, educadoras, psicólogos, terapeutas, persoal técnico e administrativo e responsables municipais, "que fan posible cada día que os dereitos sociais se convertan en realidades concretas". "Desde a Deputación seguimos comprometidos con reforzar a cooperación entre administracións, apoiar aos concellos e impulsar proxectos que melloren a atención ás persoas, especialmente ás máis vulnerables", sinalou, facendo fincapé nos retos actuais como o envellecemento, a soidade, a pobreza infantil, a saúde mental ou a fenda dixital. Durante a xornada, profesionais do sector abordaron cuestións como a ética do coidado e os bos tratos profesionais, e compartiron experiencias para avanzar cara a unha rede de servizos sociais máis coordinada e humana.
A Deputación financia 372.236 horas de SAF nos concellos
Mar García destacou que a Deputación da Coruña vén de publicar este martes as bases do programa de Servizos Sociais Comunitarios, que financia en 2025 un total de 372.236 horas de servizo de axuda no fogar e a contratación de 180 profesionais do eido social nos concellos de menos de 20.000 habitantes a través dun investimento de 8,7 millóns de euros.
O programa beneficiará 81 concellos da provincia e supón un incremento de máis do 100% nos últimos anos. "O Goberno de Valentín González Formoso incrementou este programa de 4 a 8,7 millóns na última década", destacou a deputada de Política Social, que subliñou que, ademais, a institución provincial incrementou de 12 a 14 euros a achega por hora de servizo, para compensar o impacto da inflación e aliviar a carga financeira dos concellos.
O programa de Servizos Sociais Comunitarios permite tamén a contratación de 180 profesionais especialistas —traballadores e traballadoras sociais, educadores, psicólogos e persoal técnico— que atenden cada día ás persoas máis vulnerables desde os servizos municipais. A Deputación financia o 100% do salario destas contratacións: 18.000 euros anuais para persoal administrativo, 22.000 para persoal técnico A2 e 26.000 para persoal técnico A1, con posibilidade de contratación a media xornada. O plan distribúe os recursos entre todas as comarcas da provincia: 60.332 horas nos concellos da Coruña e As Mariñas, 40.884 no Barbanza, 79.333 en Bergantiños-Costa da Morte, 110.792 en Ferrolterra, Eume e Ortegal e 81.294 na comarca de Santiago.
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) financiado pola Deputación garante o benestar das persoas maiores e dependentes, evitando o desarraigo e permitindo que sigan vivindo nos seus fogares, ademais de favorecer a conciliación familiar e laboral. "O programa mellora a calidade de vida de miles de persoas e permite que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, independentemente do lugar onde residan", destacou Mar García.