Estás en:Novas

A Deputación saca a licitación a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na DP 2904 entre Coristanco e Santa Comba

A actuación ten como finalidade a mellora do trazado mediante a eliminación de varias curvas sinuosas

A actuación responde ao compromiso adquirido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, quen solicitara a intervención pola perigosidade que supón para os condutores

A Deputación saca a licitación a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na DP 2904 entre Coristanco e Santa Comba

A Deputación da Coruña acaba de sacar a licitación, cun orzamento de 21.139 euros, a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na DP 2904, que conecta os municipios de Coristanco e Santa Comba. Concretamente, búscase mellorar os treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 6,000 e 13,500 e dende o 15,300 ao 17,500.

O proxecto debe contemplar a mellora do trazado mediante a eliminación ou suavización de varias curvas sinuosas para, así, incrementar a seguridade na circulación, xa que se trata de puntos nos que se rexistraron múltiples accidentes nos últimos anos a pesar do bo estado do firme. Deste xeito, o groso da actuación estará centrado na redefinición do trazado nestes tramos.

O documento incluirá tamén o estudo dos desvíos necesarios para manter o tráfico durante a execución das obras, valorando distintas alternativas como itinerarios alternativos, desvíos provisionais por medias calzadas ou ampliacións temporais da plataforma.

Esta actuación responde ao compromiso adquirido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, quen solicitara a intervención pola perigosidade que supón para os condutores.

O presidente salientou que a licitación da redacción do proxecto "é un primeiro paso, pero moi importante, para incrementar a seguridade nun viario que presenta unhas curvas que non se adaptan ás condicións actuais do tráfico" e asegurou que a actuación se enmarca "no compromiso que temos dende a Deputación por mellorar a rede de estradas provinciais, garantindo conexións máis cómodas e seguras".

O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, agradece "de novo a implicación da Deputación co noso Concello" e agarda que as obras se "poidan executen coa máxima celeridade posible para arranxar unha situación que ten preocupada a nosa veciñanza a aos usuarios desta estrada"".

A data límite para presentar as ofertas a través da plataforma de contratación pública é o 10 de novembro ás 23.59 horas.