Estás en:Novas

A Deputación apoia en Vimianzo programas pioneiros de envellecemento activo e loita contra a soidade non desexada

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou o municipio para coñecer as iniciativas "O baúl dos recordos" e "Olimpíadas Actívate Sénior de Xogos Tradicionais", nas que participan máis de 150 persoas maiores do municipio

A Deputación apoia en Vimianzo programas pioneiros de envellecemento activo e loita contra a soidade non desexada

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou hoxe o concello de Vimianzo para coñecer de primeira man os programas de envellecemento activo que se desenvolven no municipio coa colaboración da institución provincial. As actividades están destinadas a combater a soidade non desexada e a mellorar o benestar das persoas maiores.

Durante a visita, García Vidal estivo acompañada pola alcaldesa e deputada provincial, Mónica Rodríguez, e pola concelleira de Servizos Sociais, María José Pose, coas que compartiu unha xornada coas persoas participantes nas actividades.

O programa de Vimianzo inclúe dúas iniciativas principais: "O baúl dos recordos" e as "Olimpíadas Actívate Sénior de Xogos Tradicionais II", cun investimento total de 7.000 euros.

No proxecto "O baúl dos recordos", cada participante crea e decora artesanalmente unha caixa de madeira personalizada na que garda fotografías, obxectos e lembranzas significativas da súa vida. A actividade combina traballo manual, estimulación cognitiva e reminiscencia emocional, fomentando a creatividade, a autoestima e o diálogo interxeracional. Estas caixas funcionan como "diarios de memoria" e convértense nun valioso recurso terapéutico e comunitario que pon en valor as experiencias vitais e a historia local do concello.

As "Olimpíadas Actívate Sénior de Xogos Tradicionais", que chegan este ano á súa segunda edición, combinan exercicio físico adaptado e recuperación do patrimonio lúdico galego. Participan arredor de 150 persoas maiores de 60 anos das 14 parroquias do concello, nun programa que promove a coordinación, o traballo en equipo e a convivencia. As probas inclúen birlos, aros, chaves e argolas, adaptadas ás capacidades de cada grupo, e complétanse con sesións de quentamento, competición e convivencia, coa colaboración de persoal municipal e voluntariado.

Segundo os indicadores de avaliación, as actividades acadaron unha asistencia media do 90% nas Olimpíadas e do 85% no Baúl dos Recordos, cun nivel de satisfacción dos usuarios e usuarias dun 85% e un incremento notable das relacións sociais e da autoestima.

Durante a visita, Mar García Vidal destacou o compromiso da Deputación coa atención ás persoas maiores e coa loita contra a soidade, lembrando que "o envellecemento activo é unha prioridade para a institución provincial, porque mellora a saúde física e emocional dos nosos maiores e fortalece os lazos comunitarios nos concellos rurais".

Pola súa banda, a alcaldesa Mónica Rodríguez subliñou "a importancia de que as persoas maiores sigan a sentirse útiles, acompañadas e activas, mantendo vivo o espírito de convivencia que caracteriza o noso concello".

O programa de envellecemento activo e loita contra a soidade non desexada da Deputación da Coruña desenvolvese neste 2025 en 21 concellos da provincia, cun investimento global de 133.568 euros. Ademais de Vimianzo, participan Abegondo, Ares, Bergondo, Brión, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Melide, Muros, Ortigueira, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Valdoviño, Oza-Cesuras, As Pontes, A Pobra do Caramiñal e Arzúa.