As Xornadas de Ilustración Urbana volven a Compostela co apoio da Deputación
A Casa das Máquinas da capital galega acollerá un obradoiro e un programa de conferencias, de balde e abertos ao público, que poñen o foco na ilustración como ferramenta de observación e reflexión sobre o espazo urbano
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destacou a calidade da programación, "que dá importancia á ilustración como medio de expresión, de arte e de reflexo dunha forma concreta de observar o territorio"
As Xornadas de Ilustración Urbana regresan a Compostela os días 7 e 8 de novembro co apoio da Deputación da Coruña. Organizadas polo Concello de Santiago, celebraranse na Casa das Máquinas, que acollerá un obradoiro e un programa de conferencias, de balde e abertos ao público, que poñen o foco na ilustración como ferramenta de observación e reflexión sobre o espazo urbano
Na presentación hoxe da programación participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, e a coordinadora das xornadas, Gemma Sesar.
Penas destacou a calidade da programación, "que dá importancia á ilustración como medio de expresión, de arte e de reflexo dunha forma concreta de observar o territorio". "Neste catro días", engadiu, "imos ter a oportunidade de observar, de aprender e de motivarnos, dun xeito ou doutro, para gozar de Compostela cunha mirada diferente, a duns e dunhas artistas que farán que os nosos ollos se pousen sobre pedras que moitas veces pasarían inadvertidas".
Para o deputado, "a ilustración é moito máis ca o debuxo que chega ata a nós: é a mirada, a emoción e o traballo de todos os que tedes esa visión que moitas veces esquecemos". "Coma sempre digo", abundou, "dende o noso departamento, o patrimonio é, en definitiva, todo aquilo que nos envolve e que fai do noso país ese país inmensamente rico; en demasiadas ocasións, sen que o saibamos".
Tivo Penas –quen lles deu os parabéns polo programa a Louzao, ao Concello e a todos os responsables da organización do encontro– palabras de recordo para José Yáñez, "a quen coñecemos moi ben e admiramos na nosa administración, e que presentou hai uns meses un marabilloso libro que o confirma como, para moitos, entre os que me inclúo, un dos mestres da observación patrimonial a través da ilustración".
Segundo Míriam Louzao, "un ano máis, as Xornadas remarcan o poder do debuxo como ferramenta de coñecemento, de observación e tamén de resistencia fronte á velocidade, as distraccións e as rutinas que marcan e condicionan o tempo que vivimos". "Da man de artistas excepcionais", dixo, "amosan que é posible tecer unha imaxe alternativa das cidades: un relato feito de ollares atentos, de pequenas historias e de xestos cotiáns que, xuntos, constrúen unha memoria visual compartida de Compostela".
Pola súa parte, Gemma Sesar, apuntou que a de Compostela "é xa unha cita moi admirada e agardada por debuxantes e artistas da ilustración" e animou a cidadanía e visitantes "a tomar parte nesta edición que mesmo inclúe propostas para aquelas persoas que nunca se atreveron co debuxo".
Programa
VENRES 7 DE NOVEMBRO
- 16.15 h. | Inauguración oficial das Xornadas. Acto de apertura coas intervencións institucionais e presentación do programa.
- 16.30 h. | Conferencia: "Dende cero: o proceso de creación dun debuxo", con Inma Serrano.
- 17.15 h. | Conferencia: "Paseando con acuarelas, unha taiwanesa en París", con Pascale Lee.
- 18.00 h. | Conferencia: "Baño de multitudes!", con Olivia Marcus.
SÁBADO 8 DE NOVEMBRO
- 10.30–12.30 h. | Obradoiro: "Partindo de Cero", impartido por Daniel Pagáns Inscrición en info@compostelailustrada.com
- 16.30 h. | Conferencia: "Azulexos ilustrados", con Ximena Maier.
- 17.15 h. | Conferencia: "A Vía Francíxena", con Barnaba Salvador.
- 18.00 h | Conferencia: "Como atopar a túa linguaxe na arte gráfica e como facer que funcione", con Sarah Mari Shaboyan.
