Estás en:Novas

A Deputación licita por 161.000 euros as obras do aparcamento disuasorio da Capela, que contará con servizo de lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

O aparcamento, que se ubicará no núcleo de As Neves, contará con prazas para caravanas, turismos, motocicletas e bicicletas e servizo de lanzadeira en vehículo eléctrico ata o Parque Natural das Fragas do Eume

A Deputación licita por 161.000 euros as obras do aparcamento disuasorio da Capela, que contará con servizo de lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de construcción dun aparcamento disuasorio no núcleo de As Neves (A Capela), que permita o estacionamento dos vehículos que se dirixen ás Fragas do Eume nas épocas do ano que contan con maior volume de tráfico.

A actuación conta cun orzamento de 161.010,22 euros, e está enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume e financiado integramente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España– Financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 17 de novembro.

O proxecto contempla a urbanización dunha parcela de 2.380 metros cadrados no lugar de As Neves, que linda co Centro de Saúde do municipio e ofrece un acceso directo ao Parque Natural das Fragas do Eume, para ser utilizada como aparcamento disuasorio para turismos, motocicletas e bicicletas

O aparcamento contará con dúas plataformas, unha inferior con 10 prazas de estacionamento para autocaravanas e espazos para dar servizo aos seus usuarios (tomas de auga e sumidoiros conectados á rede de evacuación municipal, contenedores de recollida selectiva de lixo..) e unha superior con 20 prazas de estacionamento para turismos, dúas delas con puntos de recarga para vehículos eléctricos e unha para aparcamento accesible, sete prazas para aparcamento de motocicletas e seis para bicicletas.

Empregaranse materiais de construción sostibles e zonas de terreo vexetal que ocupen entorno ao 25-20% da superficie con celosías de formigón prefabricado para a correcta infiltración das augas, buscando unha adecuada integración na paisaxe con vexetación e áreas verdes.

O espazo contará tamén con conexión a rede de abastecemento de auga e electricidade para o alumeado público, que disporá tamén de sistema de carga solar, e a recarga de vehículos eléctricos.

Lanzadeira eléctrica ás Fragas do Eume

O proxecto completarase coa posta en marcha dun servizo de lanzadeira-furgoneta eléctrica para o traslado dos visitantes desde este este punto (As Neves) ata o Camiño da Ventureira, na entrada do Parque Natural das Fragas do Eume.

O vehículo eléctrico, xa foi adquirido pola Deputación cun investimento de de 60.000 euros e entregada ao Concello da Capela o pasado mes de outubro.

O obxectivo é reducir, así como a xeración de residuos dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, ao mesmo tempo que se consigue unha mellor ordenación do tráfico eliminando os problemas de estacionamento que se producen especialmente durante a época estival.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que con esta actuación preténdese reducir o uso do vehículo privado dentro do parque natural das Fragas do Eume, rebaixando as emisións de CO2 e a contaminación acústica que produce o tránsito continuo de vehículos de combustión, así como solucionar os problemas de aparcamento que sofren os visitantes, especialmente durante os meses de verán.

O prazo de execución das obras do aparcamento é de catro meses, polo que se prevé que o novo servizo de aparcamento e lanzadeira eléctrica ás Fragas do Eume poda estar plenamente dispoñible para os usuarios no verán de 2026.