Estás en:Novas

Noia e Boiro lideran as vendas do programa MercaNaVila da Deputación na provincia

Os concellos do Barbanza suman máis de 1,1 millóns de euros en vendas, preto do 27% do total provincial

Os usuarios teñen de prazo ata o 20 de novembro para descargar e usar os bonos-desconto de 100 € para compras no comercio local

Noia e Boiro lideran as vendas do programa MercaNaVila da Deputación na provincia

O programa MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes, continúa a consolidarse como un éxito en toda a provincia e tamén na comarca do Barbanza.

Segundo o último balance, con datos actualizados a día de hoxe, o programa acumula 56.662 bonos descargados, máis de 75.000 operacións realizadas e un volume total de 4.254.685 euros mobilizados en vendas.

Na comarca do Barbanza, destacan especialmente os resultados de Noia e Boiro, situados entre os concellos máis dinámicos da provincia. Noia rexistrou 7.367 operacións cos descontos de MercaNaVila e vendas por un total de 451.506,51 euros, o que representa o 9,76 % do total provincial. Boiro alcanzou 6.556 operacións e 380.476,11 euros en vendas, equivalentes ao 8,69 % do total. Ambos municipios lideran as vendas en toda a provincia.

A continuación sitúanse A Pobra do Caramiñal, 2.424 operacións e 135.128,90 euros, e Rianxo, con 1.251 operacións e 69.126,26 euros, seguidos por Outes (42.164,34 euros), Muros (39.590,52 euros), Lousame (13.739,19 euros), Porto do Son (9.246,82 euros) e Carnota (8.371,95 euros).

En conxunto, os once concellos de menos de 20.000 habitantes de Barbanza —Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Rianxo — suman máis de 1,1 millóns de euros en vendas, o que representa arredor do 26,8 % do total provincial (4,25 millóns de euros).

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "o programa MercaNaVila está a demostrar a forza do pequeno comercio como motor de desenvolvemento económico e social nos nosos concellos, xerando actividade, emprego e cohesión territorial. As cifras estannos mostrando que cada vez son máis os comercios que se suman á campaña e os consumidores que usan os descontos de MercaNavila para realizar as súas compras".

Apoio ao comercio e á economía local

O programa MercaNaVila conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, destinados a fomentar as vendas nos pequenos establecementos e incentivar o consumo nos núcleos rurais e urbanos de menor tamaño, contribuíndo así a fixar poboación e emprego.

A campaña permite que calquera persoa poida descargar os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non é preciso vivir nun concello pequeno: os bonos poden descargarse tamén dende as cidades e grandes vilas, pero as compras deben realizarse sempre nas 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.

MercaNaVila, descontos de 100 € para dinamizar o comercio local

Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes. Perruquerías, tendas de moda, librerías, ferreterías, tendas de electrodomésticos, ópticas, xoierías...son moitos os negocios que se sumaron ao programa.

A través da plataforma web oficial (https://mercanavila.gal/), as persoas usuarias poden descargar gratuitamente os seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.

O prazo para usar os bonos MercaNaVila remata o 20 de novembro.

Unha iniciativa con impacto real

A Deputación e a Federación Galega de Comercio coinciden en sinalar que o éxito da campaña "é un reflexo da confianza cidadá neste modelo de apoio directo ao comercio local". O programa tamén está a recibir unha valoración moi positiva por parte das asociacións de comerciantes, que destacan o incremento de visitas e vendas durante esta campaña, que se estende ata o 20 de novembro.