Estás en:Novas

O programa MercaNaVila dinamiza o comercio local de Oroso

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, visitou hoxe os comercios do municipio acompañada do alcalde, Álex Doval

MercaNavila impulsou ata o día de hoxe preto de 2.000 vendas nos comercios de Oroso por importe de 102.747 euros

O programa MercaNaVila dinamiza o comercio local de Oroso

A deputada responsable da área de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou hoxe distintos establecementos comerciais de Oroso para interesarse polo funcionamento do programa MercaNaVila.

Rosa Ana García estivo acompañada polo alcalde de Oroso, Álex Doval, e membros da corporación municipal e conversou con comerciantes e clientes sobre o impacto de MercaNaVila, unha iniciativa que busca apoiar ao comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes así como contribuír a reactivación do consumo local.

MercaNaVila conta con xa con 1.000 comercios adheridos en toda a provincia da Coruña dos que 26 están no concello de Oroso. "Nestes primeiros días, fixéronse preto de 2.000 compras en Oroso usando os bonos desconto de MercaNaVila, cun impacto económico de 102.747 euros en vendas", afirmou a deputada, que destacou a boa acollida que o programa está a ter tamén noutros concellos da comarca como Ordes, Arzúa, Melide e Santa Comba.

"Buscamos non só apoiar económicamente, que é moi importante, senón tamén sensibilizando á poboación de que temos que comprar no comercio local porque é fundamental para a vida, a economía e o futuro nas nosas vilas", afirmou Rosa Ana García.

O alcalde animou tamén á cidadanía a "comprar no comercio de Oroso" para apoiar aos pequenos negocios.
MercaNaVila, descontos de 100 € para dinamizar o comercio local

Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes. Perruquerías, tendas de moda, librerías, ferreterías, tendas de electrodomésticos, ópticas, xoierías...son moitos os negocios que se sumaron ao programa.

A través da plataforma web oficial (https://mercanavila.gal/), as persoas usuarias poden descargar gratuitamente os seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.

O prazo para usar os bonos MercaNaVila remata o 20 de novembro.