Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reúne este venres aos responsables dos Servizos Sociais dos concellos para abordar o envellecemento e a soidade non desexada

O Pazo de Mariñán acollerá este venres unha xornada coa participación de responsables políticos e técnicos dos servizos sociais dos 93 concellos da provincia

A Deputación da Coruña reúne este venres aos responsables dos Servizos Sociais dos concellos para abordar o envellecemento e a soidade non desexada

A Deputación da Coruña celebrará este venres, 7 de novembro, no Pazo de Mariñán (Bergondo), o I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, unha xornada de traballo e reflexión que reunirá a responsables políticos e técnicos da área de servizos sociais dos 93 concellos da provincia.

A iniciativa, promovida pola área de Política Social da institución provincial, ten como obxectivo reforzar a cooperación institucional e compartir experiencias e boas prácticas municipais nun ámbito clave para o benestar cidadán. Esta primeira edición estará centrada no envellecemento e a soidade non desexada, un dos grandes retos sociais actuais nun territorio no que a poboación maior de 65 anos xa supera o 25 %.

O encontro será inaugurado ás 9:30 horas polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, quen subliñou que "a coordinación entre concellos é esencial para avanzar en políticas de coidado, acompañamento e prevención da soidade, fortalecendo a rede comunitaria e a atención de proximidade".

A xornada incluirá tres relatorios principais a cargo de especialistas de referencia no ámbito da xerontoloxía, a educación social e a innovación comunitaria. O xerontólogo Javier Yanguas, director científico do Programa de Maiores da Fundación "La Caixa", abrirá as intervencións cunha charla sobre "O proceso de envellecemento e as distintas etapas da vellez". Seguiralle a experta Lourdes Bermejo, doutora en Ciencias da Educación e asesora en políticas de coidado, que abordará as claves dunha "metodoloxía de intervención baseada no acompañamento respectuoso e a innovación social".

A sesión da mañá completarase cunha ponencia de Nova Works Consulting, cooperativa galega especializada en innovación social, centrada na análise e abordaxe da soidade non desexada. Posteriormente, celebrarase un panel de experiencias municipais no que diferentes concellos da provincia presentarán proxectos pioneiros de envellecemento activo e acompañamento comunitario, así como unha intervención do equipo técnico da Deputación para explicar as liñas provinciais de actuación nesta materia.

Xa pola tarde, o programa continuará con dous obradoiros prácticos simultáneos orientados a dotar ás e aos profesionais municipais de ferramentas útiles para deseñar proxectos de envellecemento activo e elaborar guías de recursos contra a soidade.

O I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios nace coa vontade de consolidarse como un espazo anual de formación, reflexión e coordinación entre profesionais dos servizos sociais municipais, reforzando o papel da Deputación da Coruña como apoio técnico e institucional na prestación de servizos de proximidade e na promoción do benestar das persoas maiores.