A Deputación da Coruña participa na presentación dunha nova edición de “Talentos Inclusivos”, o proxecto que une tecnoloxía, educación e inclusión social
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou hoxe na presentación do proxecto Talentos Inclusivos 2025-2026, celebrada na Domus da Coruña, unha iniciativa promovida polo CITIC da Universidade da Coruña en colaboración con ASPACE Coruña e co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
No acto estiveron tamén o reitor da UDC, Ricardo Cao, a concelleira de Benestar Social da Coruña, Nereida Canosa, e a presidenta de ASPACE Coruña, Mari Carmen Barreiro, ademais de representantes dos centros educativos participantes e persoas usuarias das entidades sociais implicadas.
Durante a súa intervención, Mar García Vidal destacou que "Talentos Inclusivos é moito máis que unha actividade educativa: é un exercicio de humanidade, no que o alumnado aprende a mirar máis alá da pantalla e descubre que detrás de cada reto tecnolóxico hai unha persoa, unha historia, unha necesidade real". A deputada subliñou tamén que "a tecnoloxía pode ser unha ponte, e non unha barreira; unha ferramenta para conectar persoas, para facer visible o talento e para transformar realidades".
A representante provincial agradeceu ao CITIC e a ASPACE o impulso desta iniciativa que une formación STEM, innovación e compromiso social, e que permite que estudantes de secundaria, bacharelato e FP desenvolvan proxectos tecnolóxicos destinados a mellorar a vida de persoas con parálise cerebral ou outras discapacidades.
"Desde a Deputación da Coruña cremos firmemente que unha sociedade avanzada é aquela que non deixa a ninguén atrás. O progreso non se mide só en datos ou algoritmos, senón en oportunidades reais para todas as persoas", sinalou García Vidal.
O proxecto Talentos Inclusivos, que chega á súa sexta edición, busca despertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado galego, promovendo ao mesmo tempo valores de empatía, cooperación e inclusión. Cada edición reúne a decenas de centros educativos de toda Galicia, investigadores do CITIC e persoas usuarias de entidades como ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP ou o Centro de Formación Profesional da Cruz Vermella.
O programa, recoñecido con premios de innovación e valores humanos, converteuse nun referente de co-creación entre ciencia e sociedade, fomentando o desenvolvemento de solucións accesibles nos ámbitos da domótica, impresión 3D, comunicación aumentativa, xogos adaptados e produtos de apoio.
Na súa mensaxe final, Mar García Vidal resumiu o espírito do proxecto afirmando que "o talento non entende de barreiras, e a inclusión é o camiño cara ao progreso", felicitando a todas as persoas e entidades que fan posible esta nova edición de Talentos Inclusivos.
