Estás en:Novas

A Deputación presenta as xornadas “Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados”

O Centro Etnográfico Río Mandeo, en Teixeiro, acollerá os 14 e 15 de novembro unha programación que inclúe mesas de diálogo, espazos de coidado e reflexión colectiva arredor dos dereitos laborais, a saúde mental, as violencias e as estratexias de incidencia política

"As barreiras lingüísticas, a precariedade laboral, a falta de acceso a unha vivenda digna e unha situación administrativa irregular nalgúns casos, agravan a situación de vulnerabilidade desta mulleres e as converten en vítimas dunha discriminación interseccional que combina factores de xénero, orixe e situación socioeconómica", apuntou a deputada de Igualdade Sol Agra

A participación é de balde e as inscricións poden realizarse na páxina web da Deputación da Coruña

A Deputación presenta as xornadas “Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados”

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, en colaboración coa Asociación Movilidad Humana, organiza no Centro Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro), os días 14 e 15 de novembro, as xornadas "Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados". O encontro, pioneiro na provincia, pon no centro as voces das mulleres migrantes que sosteñen o sistema de coidados, co obxectivo de recoñecer, visibilizar e dignificar o seu traballo, moitas veces invisibilizado e marcado pola precariedade.

Presentou o encontro esta mañá, na sede provincial, a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, nunha rolda de prensa na que a acompañou Darenka Vergara, da Asociación Movilidad Humana. "As barreiras lingüísticas, a precariedade laboral, a falta de acceso a unha vivenda digna e unha situación administrativa irregular nalgúns casos, agravan a situación de vulnerabilidade destas mulleres e as converten en vítimas dunha discriminación interseccional que combina factores de xénero, orixe e situación socioeconómica", sinalou Agra.

Para a deputada, "esta xornada é un acto de recoñecemento e xustiza coas mulleres que coidan e sosteñen a nosa sociedade. Mulleres con corpos rotos, pero con forza e dignidade colectiva".

Segundo Agra, o programa non só se centrará nas dificultades que sofren as mulleres migrantes: "Porque queremos tamén reflexionar sobre o seu papel esencial na nosa sociedade, onde contribúen tanto económica como culturalmente, onde se integran na nosa cultura e lingua propia, onde emprenden, traballan, crían e arraigan para seren galegas por dereito, se non o son por nacemento".

Darenka Vergara agradeceulle ao departamento provincial de Igualdade a oportunidade de colaborar na organización das xornadas, "que teñen como obxectivo fundamental axudar a romper a invisibilidade á que foron condenadas estas mulleres". "E tamén é unha necesidade", engadiu, "porque sen visibilidade faise complexo recoñecer os dereitos laborais e sociais das traballadoras esenciais do fogar e dos coidados". "E é unha necesidade aquí en Galicia, onde o tecido asociativo aínda non está dabondo estruturado para ofrecerlle solucións e apoio ás mulleres migradas e lideresas".

Programa
Durante dous días, as xornadas ofrecerá unha programación que inclúe mesas de diálogo, espazos de coidado e reflexión colectiva arredor dos dereitos laborais, a saúde mental, as violencias e as estratexias de incidencia política. Entre as relatoras e relatores están Raquel Martínez Buján, socióloga especializada en estudios de xénero e coidados; Tania Sordo Ruiz, xurista experta en xénero e dereitos humanos; Silvia Carrizo, fundadora de Malen Etxea; Ismael Sánchez Jiménez, avogado de SEDOAC; e Ximena Medina Mejía, de Oxfam Intermón.

A metodoloxía feminista, interseccional e comunitaria da xornada busca, segundo a organización crear un espazo seguro e participativo no que as propias traballadoras do fogar e dos coidados poidan compartir as súas experiencias e elaborar unha folla de ruta común cara a un emprego digno e con dereitos.

Para tal fin contarán coa participación activa da Asociación Movilidad Humana que aportará toda a súa experiencia na defensa dos dereitos deste colectivo e na necesidade de recoñecer o labor fundamental que desempeña. Son as súas integrantes as que, en colaboración con outras entidades galegas e de ámbito nacional, articulan o programa de intervencións poñendo sempre na posición protagonista ás reivindicacións e necesidades das traballadoras do fogar e ás coidadoras, e aportando ás voces de especialistas que analizarán e porán en valor, a importancia real deste sector na economía e benestar galego.

A participación é de balde e as inscricións poden realizarse na páxina web da Deputación da Coruña.