Estás en:Novas

A Deputación apoia con máis de 120.000 euros o mantemento da casa de acollida e dous pisos para mulleres vítimas de violencia de xénero na cidade da Coruña

Valentín González Formoso e Inés Rey asinaron o convenio de colaboración

A Deputación apoia con máis de 120.000 euros o mantemento da casa de acollida e dous pisos para mulleres vítimas de violencia de xénero na cidade da Coruña

A Deputación da Coruña colabora no financiamento da casa de acollida e de dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres vítimas de violencia de xénero no Concello da Coruña, reforzando así un servizo social esencial.

O convenio de colaboración foi asinado este venres na sede da institución provincial polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

A Deputación financia o 24 % do custo total anual de funcionamento destes recursos, que forman parte da Rede Galega de Acollemento e ofrecen atención integral ás mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos, facilitando un espazo seguro, estable e acompañado desde o punto de vista social, xurídico e psicolóxico.

A través deste apoio, a institución provincial contribúe aos gastos de persoal e de funcionamento, así como á adquisición de produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa e axudas ao transporte, entre outros.

O presidente Valentín González Formoso destacou que a Deputación financia actualmente as casas de acollida de Ferrol, Culleredo e A Coruña, co obxectivo de reforzar unha rede provincial de recursos esenciais para apoiar ás mulleres que sofren violencia de xénero e aos seus fillos e fillas. En total, estas tres casas ofrecen 48 prazas de acollida, distribuídas en 26 na Coruña (15 na casa e 11 nos pisos), 15 en Ferrol e 7 en Culleredo.

"A rede provincial de casas de acollida desempeña un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable. Son espazos que ofrecen protección, acompañamento e novas oportunidades a mulleres que atravesan momentos moi difíciles das súas vidas. O noso deber como administración é garantirlles todo o apoio e os recursos necesarios para que poidan reconstruír o seu proxecto vital con dignidade", afirmou Formoso.

"Nun momento como o actual é necesaria manter a posición común da cidade contra esa eiva, de continuar deixando fóra do noso consenso básico o negacionismo, de manter liñas hixiénicas fronte ao machismo organizado", sinalou Inés Rey, recordando os oito minutos de silencio gardados no último pleno municipal, esta mesma semana, en recordo das oitos mulleres asasinadas en España no último mes.