Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Ferrol homenaxean a Ricardo Segura Torrella coa exposición retrospectiva “Nada é fráxil...” no centro Torrente Ballester

Rosa Ana García destaca a ampla nómina de artistas ferroláns e invita ao público a redescubrir a obra de Segura Torrella, "un artista excepcional"

A Deputación e o Concello de Ferrol homenaxean a Ricardo Segura Torrella coa exposición retrospectiva “Nada é fráxil...” no centro Torrente Ballester

A deputada provincial Rosa Ana García e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, inauguraron este venres no centro cultural Torrente Ballester a exposición "Nada é fráxil...", unha ampla retrospectiva dedicada ao pintor Ricardo Segura Torrella, un dos artistas contemporáneos máis destacados de Galicia.

A mostra, comisariada polo tamén artista e antigo alumno de Segura Torrella, Suso Basterrechea, reúne unha selección representativa da súa obra e serve como peche ao ano conmemorativo do 25 aniversario do seu falecemento, no que Ferrol rendeu homenaxe a un creador de fonda sensibilidade e de enorme influencia na pintura galega contemporánea.

Durante o acto de inauguración, Rosa Ana García destacou que "é unha honra participar, en nome da Deputación da Coruña, nesta homenaxe a un artista ferrolán admirado e recoñecido, cunha obra marcada pola luz, a cor e a capacidade de transmitir emocións profundas". Subliñou tamén que "esta exposición é un diálogo entre a memoria e a modernidade, entre a cidade que o viu nacer e o artista que a levou na alma".

A deputada lembrou o papel decisivo que tivo Ferrol na historia da arte galega: "A creación, no ano 1881, da Escola de Artes e Oficios de Ferrol —a primeira do seu xénero en Galicia— foi esencial na formación de moitos ferroláns e ferrolás, entre eles numerosos pintores e debuxantes como o propio Segura Torrella. Grazas a esa semente, Ferrol pode presumir dunha ampla nómina de artistas de gran relevancia como Fernando Álvarez de Sotomayor, Jenaro Pérez Villaamil, Bello Piñeiro ou o propio Segura Torrella, que soubo recoller esa tradición e levala a un terreo persoal e contemporáneo, cunha linguaxe propia e inconfundible".

Vínculo histórico entre a Deputación e o artista

A representante provincial salientou tamén o vínculo histórico entre a Deputación e o artista, lembrando que "en 2009, baixo a presidencia de Salvador Fernández Moreda, a institución dedicoulle un dos volumes da colección Grandes Pintores Galegos, escrito por Ramón Codina e ilustrado pola súa filla, Elena Segura, que fotografou con agarimo e precisión todas as súas obras".

Dentro desa colección de libros de arte, Segura Torrella comparte espazo con figuras como Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane, Maside, Lugrís, Vadillo, Alfonso Costa ou Abelenda, consolidando o seu lugar entre os grandes nomes da pintura galega.

Para Rosa Ana García, "esta exposición dálle continuidade a ese recoñecemento e permítenos reencontrarnos cun creador esencial da nosa historia artística recente, un pintor que fixo da emoción e da cor unha forma de expresión universal".

A deputada felicitou ao Concello de Ferrol, ao comisario Suso Basterrechea e a todas as persoas implicadas na organización da mostra, e agradeceu "o esforzo por manter viva a chama dunha tradición artística que fai de Ferrol unha referencia cultural en Galicia e en España".

A exposición "Nada é fráxil..." poderá visitarse nas salas do Centro Torrente Ballester durante as próximas semanas e incluirá visitas didácticas e actividades paralelas para achegar ao público o legado artístico e humano de Ricardo Segura Torrella, un dos grandes nomes da plástica galega do século XX.