Estás en:Novas

Regueira destaca a colaboración entre administracións públicas e o sector privado como factor fundamental do éxito do turismo en 2025 na gala da CMAT

"Se aplicamos intelixencia colectiva e implicamos a empresarios, administracións e sociedade, faremos deses dous eventos que nos agardan en 2026, eclipse total de sol e Xacobeo, unha plataforma de crecemento sostible para fidelizar o turismo da próxima década", propuxo o vicepresidente provincial no V Encontro de Turismo da Costa da Morte 2025, celebrado hoxe en Carballo

Regueira destaca a colaboración entre administracións públicas e o sector privado como factor fundamental do éxito do turismo en 2025 na gala da CMAT

O ano 2025 vai rematar para o turismo na Costa da Morte cun balance "excepcional". Afirmouno o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, no V Encontro de Turismo da Costa da Morte, que se celebrou esta tarde no pazo de Vilar de Francos, de Carballo, organizado pola Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) en colaboración coa administración provincial.

Dese éxito Regueira puxo en valor, en especial, "as altas ocupacións, os novos establecementos de calidade e a chegada dun novo cliente, máis esixente pero que valora e está disposto a pagar pola autenticidade, sostibilidade e experiencias únicas do territorio". "O capital privado, como vén facendo nos últimos anos, contribuíu con investimentos a prol da mellora da calidade e competitividade do territorio", engadiu durante a súa intervención nun acto que compartiu co alcalde de Carballo, Daniel Pérez; Raquel Sánchez, presidenta de Paradores de Turismo de España; Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, e José Manuel López Varela, presidente da CMAT e alcalde da Laracha.

O esforzo realizado este ano polo sector ten recompensa, para Regueira, "grazas á boa colaboración público-privada e pública-pública de concellos, Deputación e Turismo de Galicia, e colócanos no mapa nunha posición cada vez máis competitiva".

Destino Starlight e Fin do Camiño
Auguroulle o vicepresidente continuidade en 2026 a esas dinámicas positivas do turismo: "O 2026 non vai ser un ano calquera; vai ser o ano do eclipse total de sol, evento que atraerá grande cantidade de viaxeiros interesados no turismo astronómico". "E será", abundou, "o primeiro do trienio máxico do Xacobeo 2027. E a Costa da Morte como Destino Starlight e como Fin do Camiño terá nesas dúas citas unha xanela de oportunidade irrepetíbel, se estamos preparamos para xestionala correctamente".

Pero para Regueira, o 2026 "non ten que ser só unha meta, senón un catalizador". "Se aplicamos intelixencia colectiva e implicamos a empresarios, administracións e sociedade, faremos deses dous eventos que nos agardan en 2026, eclipse total de sol e Xacobeo, unha plataforma de crecemento sostible para fidelizar o turismo da próxima década".

"A Costa da Morte", rematou Regueira a súa intervención, "non debe ser só un bo lugar onde facer turismo; a Costa da Morte debe ser, porque temos todos os ingredientes, unha experiencia única e inigualábel: aproveitémolo".

O encontro
A CMAT organizou o V Encontro de Turismo da Costa da Morte co obxectivo de seguir favorecendo o intercambio de experiencias entre profesionais, entidades e administracións, ademais de impulsar o desenvolvemento económico e social do xeodestino Costa da Morte. Ao longo da xornada, celebráronse presentacións, mesas de debate e espazos de 'networking' onde compartir boas prácticas e novas estratexias para seguir avanzando cara a un turismo sostible e de calidade.

O encontro, que recoñeceu a actriz fisterrá Marta Lago co III Premio Embaixador/a Costa da Morte, serviu tamén para fortalecer os lazos entre o sector público e privado, fomentar sinerxías e consolidar unha rede de traballo conxunto que poña en valor o territorio e o seu potencial como destino único.