Estás en:Novas

A Deputación da Coruña edita o libro “Xadrez para picariños”, unha guía didáctica para achegar o xogo ás aulas

O deputado de Deportes, Antonio Leira, entregou a publicación ao Círculo Ferrolán de Xadrez nun acto celebrado en Ferrol

A Deputación da Coruña edita o libro “Xadrez para picariños”, unha guía didáctica para achegar o xogo ás aulas

A Deputación da Coruña presentou o libro Xadrez para picariños, unha publicación editada pola área de Deportes que busca achegar o xadrez ao ámbito educativo dun modo didáctico, ameno e accesible. O deputado de Deportes, Antonio Leira, entregou o primeiro exemplar ao Círculo Ferrolán de Xadrez, recoñecendo o labor desta entidade na promoción desta disciplina na comarca.

O autor do libro, Juan Vicente Rodríguez Rey, é un experimentado divulgador e docente de xadrez. A súa obra combina rigor metodolóxico e sensibilidade pedagóxica, convertendo o xadrez nunha ferramenta educativa que fomenta valores como a concentración, a planificación, o respecto polas regras e polo rival, ademais de estimular a creatividade e a capacidade de toma de decisións.

"O xadrez é moito máis ca un xogo: é unha escola de pensamento e unha ferramenta de formación persoal e intelectual para os máis novos. Grazas a iniciativas como esta, moitos nenos e nenas poderán descubrir a beleza e a profundidade dun xogo que transcende o taboleiro para se converter nun auténtico exercicio de intelixencia, estratexia e superación",", salienta o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, no prólogo do libro.