A Deputación e o Concello das Pontes asinan o convenio para construír a primeira Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores da provincia
O acordo permite a cesión definitiva dos terreos do antigo colexio Pardo Bazán e impulsa a construción da primeira CAM da Coruña, baseada nun modelo residencial pequeno, innovador e aberto á comunidade
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, asinaron hoxe o convenio definitivo para a cesión dos terreos sobre os que se construirá a Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) das Pontes, o primeiro centro do novo modelo residencial que a institución provincial prevé implantar tamén en Rianxo e Ordes. A sinatura marca un paso decisivo para facer realidade un proxecto pioneiro en Galicia, concibido para ofrecer unha atención máis humana, próxima, comunitaria e centrada na persoa.
Durante o acto, Valentín González Formoso destacou que "grazas á colaboración entre administracións, por fin se fai realidade un proxecto socialmente moi demandado. A Casa de Acompañamento permitirá que as persoas maiores permanezan no seu entorno habitual, evitando situacións de desarraigamento e illamento e será a primeira pedra dun novo modelo de atención que queremos estender pola provincia". O presidente subliñou ademais o impacto económico e social da iniciativa, que suporá a creación directa de 70 empregos e un investimento da Deputación da Coruña superior aos 30 millóns de euros durante os próximos 30 anos.
Cesión dos terreos e investimento de 6 millóns na obra
O convenio establece a cesión por parte do Concello das Pontes dos terreos do antigo colexio Pardo Bazán, así como o financiamento municipal para derrubar o inmoble existente. A Deputación, pola súa banda, asumirá a construción completa da nova residencia cun investimento de 6 millóns de euros, co obxectivo de iniciar as obras no ano 2026.
Un modelo residencial innovador inspirado en experiencias europeas
A CAM das Pontes será a primeira das tres previstas no novo modelo público de acompañamento aos maiores. Trátase dun proxecto baseado no chamado modelo de quinta xeración, que se inspira en experiencias avanzadas do norte de Europa e concibido como alternativa ao sistema tradicional marcado pola masificación, a despersonalización e os custos elevados para as familias. As CAM apostan por centros públicos, pequenos, integrados no territorio, con forte presenza comunitaria e organizados en unidades convivenciais que reproducen un fogar. Cada unidade pon o foco na autonomía, nos vínculos sociais e afectivos, no respecto ás rutinas persoais e na calidade de vida das persoas residentes.
Un fogar, non unha institución
Con 59 prazas distribuídas en catro unidades de convivencia, a futura residencia das Pontes contará con habitacións amplas, salóns luminosos, cociñas propias, espazos abertos, acceso directo ao exterior e incluso decoración personalizada. Incorporará ademais xardíns terapéuticos, zonas de encontro familiar e a posibilidade de convivir con mascotas. O obxectivo é crear un ambiente doméstico, máis próximo ao fogar que a un centro asistencial tradicional, con espazos pensados para favorecer a autonomía e o benestar emocional das persoas maiores.
Tecnoloxía de vangarda e integración comunitaria
A nova CAM integrará tecnoloxía asistencial avanzada, como sensores de presenza e confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, dispositivos de localización intelixente, monitores biométricos ou servizos de telemedicina. Ademais, o modelo aposta por centros abertos á comunidade, nos que se fomenten actividades interxeracionais e se integren servizos e espazos compartidos co entorno, reforzando así a vida social e a participación veciñal.
A sinatura do convenio consolida a folla de ruta da Deputación da Coruña para transformar o modelo residencial e avanzar cara a uns servizos sociais máis humanos, próximos e centrados na persoa. A CAM das Pontes será a primeira en entrar en funcionamento, seguida polos futuros centros de Ordes e Rianxo, completando unha rede provincial totalmente innovadora e pioneira en Galicia.
