A Deputación da Coruña elimina a cita previa nas súas oficinas tributarias para reforzar a atención presencial á cidadanía
Valentín González Formoso visitou hoxe a oficina de Recadación en Santiago.
Formoso explicou que o ano pasado, os servizos tributarios da Deputación realizaron máis de 429.000 asistencias á cidadanía nos seu trámites coa administración, das que preto de 70.000 foron presenciais
A Deputación conta con 14 oficinas tributarias na provincia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá a oficina de Recadación provincial en Santiago, onde anunciou a eliminación definitiva da cita previa nas xestións administrativas coa administración provincial. O novo modelo permitirá o acceso libre e directo dos cidadáns para realizar calquera xestión ordinaria no ámbito tributario, recuperando plenamente a atención sen cita previa como vía preferente.
O presidente provincial anunciou que a supresión da cita previa entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026. "É certo que unicamente ata agora só o 20% dos trámites e consultas da cidadanía eran con cita previa, pero é un sinal que lle enviamos á cidadanía de compresión de que a administración debe ser aberta e accesible para todos". A Deputación manterá a posibilidade de poder pedir cita para trámites máis complexos ou que requiran un asesoramento especial.
Formoso explicou que o ano pasado, os servizos tributarios da Deputación realizaron máis de 429.000 asistencias á cidadanía nos seu trámites coa administración, das que preto de 70.000 foron presenciais (delas un total de 14.357, arredor do 20% foron con cita previa). Ano tras ano, as estatística da Tesourería provincial mostran un incremente no número de atencións presenciais á cidadanía.
O resto das asistencias, un total de 366.504, foron non presenciais. Entre elas destaca o uso da Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Deputación, que ano tras ano incrementa o número de trámites pasando de 100.746 en 2021 a 262.953 o ano pasado. Tamén contan con cifras elevadas a atención telefónica ao contribuínte (69.452 asistencias en 2024) e por e-mail (26.828).
Un modelo accesible e centrado na cidadanía
Co novo modelo anunciado hoxe, a Deputación consolida a atención presencial sen cita previa como vía preferente e prioritaria, mantendo un sistema complementario con cita previa para casos que requiran asesoramento especializado, como plusvalías, expedientes executivos complexos ou trámites catastrais. Esta modalidade está especialmente pensada para persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade dixital, que precisan unha atención acompañada e personalizada.
Formoso explicou que o obxectivo que se persegue a Deputación é "garantir a accesibilidade e a calidade do servizo de atención á cidadanía e que ningunha persoa quede excluída". Ademais, elimina esperas e trámites só para conseguir unha cita.
Eliminación da fenda dixital
O presidente puxo un énfase especial na dimensión social desta medida, lembrando que o acceso dixital á administración non pode converterse nun obstáculo para unha parte da sociedade. "A fenda dixital é unha realidade que afecta especialmente ás persoas maiores. A administración non pode ser un muro para quen non domina a tecnoloxía: debe ser unha porta aberta á cidadanía", afirmou Formoso. "Con esta decisión garantimos que todo o mundo, independentemente da súa idade ou das súa habilidades dixitais, teña acceso real e efectivo aos servizos públicos".
A Deputación conta con 14 oficinas de Atención Tributaria na provincia: A Coruña (2), Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Corcubión, Ferrol, Narón, Negreira, Ordes, Ortigueira, Ribeira e Santiago.
