A deputada de Política Social visita a Fundación Meniños para coñecer o seu labor de apoio ás familias vulnerables
A entidade, que conta co apoio económico da institución provincial, foi unha das galardoadas nos Premios de Boas prácticas da Deputación
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, realizou unha visita ás instalacións da Fundación Meniños, entidade de referencia en Galicia na atención á infancia e ás familias, para coñecer de primeira man o desenvolvemento dos seus programas de intervención psicosocial, especialmente o Programa de Atención Perinatal para Mulleres Embarazadas en Risco de Vulnerabilidade Social. Durante o encontro, a deputada felicitou á entidade por ser unha das premiadas nos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, galardón que contou cunha contía económica de 7.000 euros e que recoñece o impacto e a calidade do seu modelo de intervención.
A deputada destacou "o compromiso da Deputación coa protección da infancia e o apoio integral ás nais que atravesan situacións complexas", e puxo en valor o traballo da entidade: "Meniños leva décadas contribuíndo a garantir que os nenos e nenas poidan crecer nun entorno seguro, afectivo e estable. A súa labor é imprescindible para fortalecer a cohesión social e crear oportunidades reais para as familias".
A Fundación Meniños atende cada ano a centos de mulleres e bebés a través dun programa pioneiro centrado na prevención, o acompañamento emocional, o fortalecemento do vínculo materno-infantil e a detección temperá de factores de risco. O proxecto, que recibe derivacións de profesionais sanitarios, servizos sociais, xulgados e outras entidades sociais, abrangue intervención individual, obradoiros grupais, apoio na crianza e orientación para a inserción social e laboral.
A visita permitiu afondar nas necesidades actuais das mulleres en situación de vulnerabilidade —moitas delas en contextos de precariedade económica, falta de redes de apoio, migración ou exposición a violencias— e analizar vías de colaboración institucional para reforzar o impacto destes programas na provincia.
A deputada trasladou o seu agradecemento ao equipo profesional da entidade polo seu "traballo rigoroso, humano e transformador", e reafirmou a vontade da Deputación de seguir apoiando iniciativas que contribúan ao benestar das familias e á prevención de situacións de risco na infancia.
