A Deputación reforza a súa aposta pola cultura cun investimento de 4,5 millóns de euros para 2026
As seis liñas de subvencións comparten o obxectivo de impulsar a creación cultural, garantir a continuidade de proxectos e reforzar o acceso da cidadanía á cultura
Agás o programa destinado ao apoio de festivais na provincia, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 16 de xaneiro ao 16 de febreiro de 2026, as demais poderanse solicitar do 15 de novembro ao 16 de decembro
A Deputación da Coruña renova a súa aposta polo sector cultural cun investimento global de 4.525.000 euros destinados a contribuír á realización de actividades e investimentos culturais e apoiar a festivais, entidades musicais, fundacións, bibliotecas e centros de interpretación. A convocatoria de seis liñas de subvencións, publicadas recentemente no Boletín Oficial da Provincia (BOP), comparten como obxectivo impulsar a creación cultural, garantir a continuidade dos proxectos e reforzar o acceso da cidadanía á cultura.
A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que "con este paquete de axudas buscamos apoiar a actividade cultural na provincia para que siga sendo o seu sinal de identidade" e puxo en valor a capacidade "para chegar a todas as capas do sector. Con estas liñas podemos apoiar tanto as pequenas entidades como os grandes festivais e formacións da provincia".
Programas de subvencións
As subvencións para entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais están dotadas con 1,2 millóns de euros para apoiar iniciativas de creación, investigación, formación, difusión, por parte de entidades diferenciadas en catro categorías: culturais, veciñais e de tempo libre, de carácter pedagóxico e sociais e asistenciais.
De maneira paralela, ábrese tamén unha liña para investimentos culturais por parte das entidades sen fins de lucro. Nesta ocasión a partida é de 525.000 euros destinados á mellora de inmobles, adquisición de mobiliario e equipamento, alén de material técnico e artístico.
Tamén se reforza o apoio ás entidades musicais da provincia a través das subvencións destinadas ás corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de gran formato. Para o desenvolvemento de actividades culturais no ano 2026 destínanse 500.000 euros, ao que se suma unha liña específica para investimentos de 225.000 euros, que permitirá acometer melloras en inmobles, instrumentos, equipamento, etc.
Outra das liñas está dirixida a fundacións, entidades privadas sen fin de lucro titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e entidades con función de representación sectorial e colectiva das persoas e/ou entidades dos ámbitos profesionais e amadores da cultura galega e contará cun orzamento e 650.000 euros para apoiar a realización de actividades culturais en todas as súas dimensións.
Por último, o programa de apoio ao desenvolvemento de festivais na provincia da Coruña conta cun investimento de 1.425.000 euros. Está dirixido a concellos e outras entidades locais da provincia, entidades sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia e entidades lucrativas da Unión Europea que organicen festivais con identidade propia, programación diversa, periodicidade consolidada e unha proposta de contidos definida.
Agás esta última, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o 16 de xaneiro ao 16 de febreiro de 2026, as demais poderanse solicitar dende este sábado, 15 de novembro, ata o 16 de decembro de 2025.
