A Deputación e ACEM editan o conto infantil “Emilio y la ciudad de los cables invisibles”, que axuda a explicar a esclerose múltiple aos máis pequenos
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou hoxe a sede da Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), onde fixo entrega dos novos exemplares do libro infantil "Emilio y la ciudad de los cables invisibles", unha edición realizada pola imprenta provincial da Deputación da Coruña.
O conto, pensado para achegar de forma comprensible a esclerose múltiple aos máis pequenos, narra a historia de EMilio, un pequeno habitante dunha cidade luminosa situada baixo o chan e fiel axudante do Ratonciño Pérez. Ademais de recoller dentes, EMilio ten unha misión especial: axudar a nenas e nenos a entender aquilo que ás veces resulta difícil de explicar.
Na historia, EMilio chega á casa de Sofía, que está preocupada pola enfermidade da súa nai. A partir de aí, emprende unha aventura para explicarlle que é a esclerose múltiple, unha doenza que afecta aos "cables invisibles" do corpo. A través de imaxes tenras, comparacións sinxelas e unha mirada chea de empatía, o protagonista amosa que, aínda que non se vexa, a enfermidade cambia moitas cousas... pero tamén que o agarimo, a paciencia e a comprensión poden ser unha gran medicina.
O libro insiste en que "cando coñeces algo, xa non dá tanto medo" e reivindica a importancia de contar con alguén que axude a iluminar o camiño, como fai EMilio coa pequena Sofía.
Durante a visita, Mar García Vidal agradeceu o labor de ACEM no acompañamento e atención ás persoas afectadas pola esclerose múltiple e destacou o valor deste tipo de materiais divulgativos para traballar a sensibilización.
