A deputada de Igualdade reflexionou sobre a necesidade de cambiar as leis para que non prescriban os delitos sexuais
A deputada responsable de Igualdade, que participou no videofórum do documental 'O próximo baile será comigo', reclamou máis recursos públicos para as vítimas de violencia machista
Esta obra foi unha das gañadoras da edición 2024 dos Premios Luísa Villalta a proxectos pola igualdade
A deputada de Igualdade, Sol Agra, participou este xoves na Casa Xohana Torres, en Santiago, nun videofórum ao redor do documental 'O próximo baile será comigo'. Este traballo, dirixido por Sabela Losada Cortizas, foi recoñecido na edición 2024 do Premio Luísa Villalta, certame promovido pola Deputación para impulsar proxectos pola igualdade.
Na súa intervención, a deputada explicou que 'O próximo baile será comigo' "recibiu a maior puntuación das 34 propostas presentadas, sendo a primeira das oito premiadas". Destacou tamén que se trata "dun proxecto audiovisual innovador de acción-creación-investigación, que traballa sobre o apoio mutuo de vítimas de violencia a través dunha rede de testemuños de mulleres que sufriron violencia sexual".
Segundo indicou, a obra "visibiliza e sensibiliza en problemáticas moi agochadas na nosa sociedade, como é o caso do abuso sexual infantil, e proxectos como este axúdannos a entender a necesidade de cambiar as leis para que estes delitos non prescriban e que haxa máis recursos públicos para as vítimas de violencia machista".
A importancia de apoiar proxectos pola igualdade
Agra lembrou igualmente que "o Premio Luísa Villalta permite financiar proxectos en fase de execución, que precisan orzamento para o seu desenvolvemento, por iso resulta tan importante para apoiar iniciativas culturais en igualdade que doutro xeito poderían quedar só no tinteiro".
O premio, convocado pola Área de Igualdade da Deputación, naceu co obxectivo de contribuír a divulgar a obra e a figura de Luísa Villalta, unha das voces destacadas da cultura galega contemporánea, e reafirma o compromiso da Deputación co avance cara a unha sociedade máis xusta, libre e democrática.
Tras a proxección do documental tivo lugar un coloquio coa directora e con varias das protagonistas, que compartiron vivencias e reflexións ao redor do apoio mutuo entre mulleres como forza transformadora fronte ás violencias machistas e ás carencias de acompañamento institucional.
