Estás en:Novas

A Deputación achega 125.000 euros para financiar o funcionamento de Exponav en Ferrol

Financiaranse servizos de atención ao público, divulgación da actividade de Exponav e obras de conservación e mantemento do edificio de Ferrerías

A Deputación achega 125.000 euros para financiar o funcionamento de Exponav en Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Vicente Rubio Bolívar, asinaron o convenio para financiar as actividades da Fundación e do Museo da Construción Naval (Exponav) durante o ano 2025. No acto estiveron tamén presentes o xerente de Exponav, Rafael Suárez Pérez, e a deputada Cristina Capelán.

A Deputación da Coruña achega este ano 125.000 euros para financiar o funcionamento deste centro museístico único nas súas características e o máis importante do seu ámbito en todo o Estado, cunha exposición científico-técnica que presenta aos visitantes a historia e evolución da construción naval, que conta cunha gran tradición da comarca de Ferrolterra e que serve ademais como punto de encontro entre a sociedade, a industria, a comunidade educativa (con numerosas visitas escolares cada ano) e a científica.

O presidente Valentín González Formoso destacou que Exponav é "un museo de referencia no seu ámbito en toda España e un importante recurso turístico e educativo para Ferrol para a unha comarca na que a construción naval forma parte do noso ADN".

O compromiso da Deputación con Exponav explicítase na importante achega económica anual que achega para financiar tanto a actividade do museo como a conservación e mellora das súas instalacións no emblemático edificio de Ferrerías, no Arsenal ferrolán.

O apoio da Deputación permitirá manter os servizos de atención ao público, guías, visitas escolares, actividades e obradoiros, accións de comunicación e divulgación das súas actividades, así como a realización de distintos traballos de conservación e mellora do edificio de Ferrerías, como as realizadas na Sala Carlos III .