Estás en:Novas

As bibliotecas da Universidade da Coruña contarán con puntos violeta contra a violencia machista

Esta actuación, impulsada pola Universidade en colaboración coa Deputación da Coruña, enmárcase na campaña do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

En total serán 20 puntos nos que se ofrece información práctica para poder actuar ante situación de violencia machista

As bibliotecas da Universidade da Coruña contarán con puntos violeta contra a violencia machista

Cristina López, Sol Agra e Ana Neira

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra; a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López; e a directora da Oficina de Igualdade da UDC, Ana Neira, presentaron hoxe os puntos violeta, instalados nas bibliotecas e aulas de estudo da Universidade da Coruña, nunha iniciativa conxunta de ambas as dúas institucións.

Estes puntos, un total de 20, consisten en tótems con forma de cubos que inclúen información sobre diferentes servizos como a Oficina para a Igualdade de Xénero e a Unidade de Atención á Comunidade Universitaria LGTBIQ+ e sobre o protocolo para a prevención, detección e actuación da UDC ante situacións de violencia machista, discriminación ou acoso sexista, contribuíndo á identificación destas violencias.

Estes puntos están pensados para ofrecer información práctica e, ao mesmo tempo, serven de espazo para incorporar folletos sobre campañas e propostas de interese.

Actualmente, nos puntos violeta hai material editado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, como a Guía de actuación ante situacións de violencia machista e o tríptico de actuación ante situacións de violencia machista.

Ademais, a Universidade, grazas á colaboración da institución provincial vén de editar unha Guía de acompañamento a superviventes de violencia machista, que se presentará a semana que vén dentro da programación dos actos organizados no marco do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, nos campus da Coruña e de Ferrol.