Estás en:Novas
Xornada dos Oficios na Make Faire Galicia

Regueira destaca na Maker Faire Galicia a riqueza da unión entre tradición e innovación e aposta por “devolver a artesanía ao cotiá”

O vicepresidente participou esta mañá na inauguración da xornada dos oficios que se celebra na Casa de Máquinas, en Santiago de Compostela

"O verdadeiro espírito 'maker' é compartir coñecemento, non pechalo", subliñou Regueira

Regueira destaca na Maker Faire Galicia a riqueza da unión entre tradición e innovación e aposta por “devolver a artesanía ao cotiá”

Intervención do vicepresidente da Deputación

A compostelá Casa de Máquinas acolleu esta mañá a inauguración da xornada dos oficios da XI Maker Faire Galicia, un evento que conta co apoio da Deputación. O vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, acudiu á presentación, destacando que "neste espazo conviven o tear tradicional coa impresión 3D, a forxa do ferreiro co biodeseño ou a olería de Buño co láser de corte. E esa mestizaxe é a nosa maior riqueza. Porque en Galiza sempre soubemos que a tradición non é inimiga da innovación; é o seu alicerce máis sólido".

O vicepresidente salientou tamén que "desde a Sección de Artesanía da Deputación da Coruña apostamos por tender esta ponte e queremos que os nosos artesáns e artesás non só sobrevivan, senón que lideren o século XXI. Queremos que o mundo saiba que unha ola de barro saída dun forno de Buño pode ser tan smart como calquera gadget de Silicon Valley".

Ao respecto, Regueira subliñou o apoio do goberno provincial á artesanía, un sector que pode xerar emprego e axudar a diversificar o tecido produtivo galego. Para isto, cómpre que "lidere a innovación e o futuro, non queremos que sexa só unha peza do pasado: cómpre devolvela ao cotián", incidiu.

O vicepresidente engadiu que a Maker Faire Galicia "demostra cada ano que iso é posible, que aquí non temos complexos, que somos capaces de encher o mercado de proxectos feitos na casa, na escola, no taller ou no laboratorio da universidade, que somos un pobo cunha tradición creativa viva, mais innovador, curioso e, sobre todo, xeneroso: porque o verdadeiro espírito maker é compartir coñecemento, non pechalo".

Como en anteriores edicións, a Deputación da Coruña participa nesta feira co 'Mercado da Deputación', un total de dez postos de artesanía: Jorge Eiroa Forxa, Susana Anta Cerámica, Jatafarta, Drositas, Deica Ceracions, Carmelamola, Amor O Teu, Feito A Man, Jerolas e Haciendo El Galgo.