Estás en:Novas
I Xornadas das Bibliotecas

Natividade González destaca en Mariñán a forza da rede bibliotecaria da provincia

A Deputación inaugura as I Xornadas das Bibliotecas cunha chamada a reforzar a colaboración municipal

"As bibliotecas sodes faros culturais", afirma a deputada de Cultura na apertura das xornadas provinciais

Natividade González destaca en Mariñán a forza da rede bibliotecaria da provincia

I Xornadas das Bibliotecas da Provincia da Coruña

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu esta mañá a I Xornada das Bibliotecas da Provincia da Coruña, organizada pola Deputación. A deputada de Cultura, Natividade González, participou no acto de apertura e ofreceu a benvida institucional ás persoas asistentes, nun encontro que reuniu profesionais de toda a provincia para reflexionar, compartir e avanzar arredor da realidade bibliotecaria.

Na súa intervención, González subliñou que este encontro pioneiro naceu para "recoñecer ese esforzo, para darlle visibilidade e para crear un espazo de encontro onde compartir experiencias, desafíos e ilusións". Engadiu que o obxectivo é "fortalecer unha rede provincial que xa é sólida, pero que queremos seguir ampliando".

A deputada agradeceu "de corazón" a paixón polo oficio e a entrega diaria dos equipos bibliotecarios, aos que cualificou como "faros culturais, espazos de benvida e auténticos puntos de apoio para a cidadanía". Expresou un recoñecemento especial á Biblioteca Provincial, "que hoxe exerce de anfitrioa e motor desta iniciativa".

Destacou tamén a variedade de perspectivas presentes no programa, "desde a visión das bibliotecas municipais ata a reflexión sobre a creación literaria que xorde e se alimenta desde ela", co propósito de poñer en valor "a diversidade e riqueza do ecosistema bibliotecario da provincia".

A responsable de Cultura salientou a ollada cara ao futuro que propón a xornada, coa análise sobre os retos actuais da formación no ámbito da documentación. "Un futuro que xa está aquí e que afrontades con valentía, preparación e compromiso", afirmou. Referiuse tamén á mesa redonda que reunirá profesionais de diferentes concellos, un espazo no que "nos recoñecemos todas e todos: nos esforzos diarios, na creatividade para ofrecer servizos, na importancia da proximidade e na capacidade de xerar comunidade desde cada concello, grande ou pequeno".

González puxo en valor o traballo colaborativo previsto para esta xornada, convencida de que as mesas de traballo permitirán poñer en común "ideas, necesidades e propostas que serán de grande utilidade para seguir medrando como rede provincial sólida e colaborativa". A xornada concluirá cunha visita ao Pazo de Mariñán, que definiu como "unha maneira simbólica de conectar cultura, territorio e identidade".