A Deputación da Coruña clausura en Boiro as súas xornadas formativas para entidades deportivas de base
A Deputación destaca o éxito de participación e destaca a súa aposta pola profesionalización e o fortalecemento do deporte de base
A Deputación da Coruña continúa apostando polo deporte de base e pola capacitación de entidades deportivas da provincia cunha nova xornada formativa celebrada hoxe en Boiro. O encontro contou coa participación do deputado de Deportes, Antonio Leira, que se desprazou ata o municipio para clausurar este ciclo de actividades de formación, que se celebrou en oito municipios da provincia.
A sesión, aberta a clubs, entidades e profesionais do ámbito deportivo, forma parte do programa provincial de formación impulsado pola Deputación, que busca ofrecer ferramentas prácticas e contidos especializados para mellorar a xestión, organización e funcionamento diario das entidades deportivas. As temáticas abordadas na xornada de Boiro incluíron cuestións clave como o patrocinio e doazóns, cunha charla impartida por Yago Casal, e os efectos da nutrición no rendemento deportivo e na saúde, impartida por Alicia Villegas.
Leira destacou que "a formación e o acompañamento aos clubs son dous piares fundamentais para que o deporte siga sendo un motor social, educativo e de saúde no conxunto da provincia".
A Deputación da Coruña leva meses desenvolvendo este programa por diferentes puntos da provincia, co obxectivo de avanzar nun modelo de apoio continuado ao deporte de base.
O deputado de Deportes puxo tamén en valor o papel de Boiro como sede da clausura da xornada e agradeceu a elevada participación das entidades locais e comarcais, sinalando que "en cada unha destas paradas vimos o enorme potencial deportivo da provincia e a vontade dos clubs por seguir mellorando".
