Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Miño inauguran as novas beirarrúas de San Xoán de Vilanova

A actuación, con 758.132 euros de investimento, mellora a seguridade e accesibilidade nun tramo dun quilómetro da DP-4802.

A institución provincial ten agora mesmo en proceso proxectos en vías provinciais de Miño por valor de 2 preto de millóns de euros.

A Deputación da Coruña e o Concello de Miño inauguran as novas beirarrúas de San Xoán de Vilanova

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, inauguraron hoxe as renovadas beirarrúas de San Xoán de Vilanova, unha actuación que supón unha mellora substancial da mobilidade peonil e da seguridade viaria nun dos tramos con maior tráfico da estrada provincial DP-4802.

Os traballos, cun investimento de 758.132 euros, afrontaron un atraso na súa execución debido á necesaria retirada dos postes eléctricos e telefónicos por parte das compañías subministradoras, unha intervención imprescindible para garantir unha actuación segura, accesible e integrada no viario.

Mellora integral da seguridade peonil

As obras consistiron na demolición das antigas beirarrúas de baldosa hidráulica, moi deterioradas polo paso do tempo, e na construción de novas sendas peonís continuas, sen borde e a nivel da calzada, separadas mediante un caz de formigón. Esta configuración, implantada pola Deputación en numerosos proxectos provinciais, permite unha maior accesibilidade, unha circulación máis segura e unha mellor integración no contorno.

A senda, executada en formigón coloreado, conta cunha anchura variable entre 1,50 e 2 metros en función do tramo e inclúe unha nova rede de recollida de pluviais para evitar acumulacións de auga na calzada. A actuación completarase coa renovación da capa de rodaxe da estrada entre os puntos quilométricos 1+971 e 2+978.

Dous millóns de euros en vías provincias que pasan por Miño

Durante a inauguración, Valentín González Formoso destacou a "satisfacción de ver como aquilo que planificamos para mellorar a seguridade viaria da veciñanza de Miño é hoxe unha realidade". O presidente provincial resaltou o que este municipio é "un dos focos de maior investimento da Deputación", xustificando esta situación co "atraso que arrastraba e a situación de débeda financeira que tivo, e que, grazas á xestión exemplar do goberno local, é unha cuestión controlada".

Resaltou que a institución provincial está a investir "2 millóns de euros en estradas provinciais que pasan por Miño", remarcando o compromiso da Deputación coa mellora da rede de estradas de titularidade provincial. Como exemplo, xa está en marcha o proxecto de renovación do firme da estrada que une a Praia Grande con Perbes (540.000 euros), a senda entre Ponte do Porco e a ponte do río Lambre atópase en proceso de licitación por máis de 950.000 euros, así como a mellora do firme da propia DP-4802, de Perbes a Campolongo, que ten un prezo de licitación de case 290.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, subliñou que se trata "dunha obra moi necesaria, que dá resposta a unha demanda da veciñanza e que mellora de xeito notable o día a día das persoas que camiñan por este núcleo". O rexedor agradeceu o compromiso da Deputación "por atender unha prioridade para o Concello e para os residentes de San Xoán de Vilanova".

Por último, Ánxeles Gómez, presidenta da Asociación de Veciños de Xarío, afirmou que a veciñanza está "moi contenta coa obra, que beneficia sobre todo a persoas maiores e con discapacidade". Indicou que "é o resultado dunha petición que fixeramos hai tempo" e agora espera que o Concello "cumpra co mantemento".