Natividade González participou en Rianxo na presentación da VIII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo
A Deputación da Coruña é unha das institucións patrocinadoras desta cita cultural
González puxo en valor o compromiso cultural da localidade e afirmou que este evento "é un exemplo da forza da cultura que nace desde o territorio"
A deputada de Cultura, Natividade González, participou hoxe en Rianxo na conferencia de prensa en que se presentou a VIII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares do Fin do Mundo (MDFM), que se celebrará na localidade do 10 ao 14 de decembro.
Durante a súa intervención, González salientou que para a Deputación, unha das institucións patrocinadoras, "é unha satisfacción estar hoxe en Rianxo para presentar a VIII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, unha cita cultural de referencia que cada edición medra en calidade, proxección e recoñecemento tanto dentro como fóra da provincia". Destacou que, ao longo deses cinco días, Rianxo se converterá "nun faro cultural no que o cinema documental será o protagonista".
A deputada lembrou que a Mostra achegará ao Auditorio Municipal e a diferentes espazos da vila "un conxunto de obras que nos axudan a entender o mundo desde múltiples perspectivas: sociais, ambientais, políticas, humanas e creativas". Subliñou que esa é "a esencia de Mares da Fin do Mundo, un festival que abre as fiestras e que nos invita a mirar máis alá".
González puxo en valor o compromiso cultural da localidade e afirmou que este evento "é un exemplo da forza da cultura que nace desde o territorio". Indicou que Rianxo leva anos demostrando "compromiso, visión e profesionalidade na súa programación cultural", e que a chegada desta mostra forma parte dese labor continuado. Engadiu que a mostra converte nestes días a vila "no epicentro dun festival no que o cinema non só se exhibe, senón que se pensa, se debate e se comparte cos públicos máis diversos".
A deputada agradeceu o traballo do equipo organizador, do persoal técnico, das entidades colaboradoras e de todas as persoas que fan posible o evento, que "non só enriquece culturalmente, senón que proxecta Rianxo ao exterior, fortalecendo o noso tecido creativo e achegando á cidadanía un cinema documental comprometido, necesario e transformador".
