A Deputación da Coruña impulsa cun millón de euros o novo mercado municipal de Ames na Casa Barbazán
Este proxecto estratéxico —que conta con financiamento provincial, da Xunta, de fondos europeos e municipal— permitirá revitalizar o comercio de produtos de proximidade en toda a comarca.
A iniciativa tamén suporá un reforzo importante para o proxecto do centro de transformación de produtos de horta de Brión, que tamén tivo financiamento por parte da Deputación.
O Plan Único financiou 110 obras no municipio dende a súa creación en 2016.
Dos máis de 27 millóns investidos pola Deputación en Ames na última década, 18,5 millóns corresponden ao Plan Único.
A Deputación da Coruña investirá 1 millón de euros no novo mercado municipal de Ames, que se situará na Casa Barbazán e que aspira a converterse nun espazo central para o comercio de proximidade e a vida social de Bertamiráns. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, Blas García, presentaron o proxecto durante unha visita á zona, destacando que esta iniciativa contará tamén con financiamento da Xunta de Galicia, fondos europeos e recursos propios do Concello.
O futuro mercado combinará postos tradicionais de carne, peixe, froita e verdura con áreas para produtos de proximidade e espazos polivalentes destinados á realización de actividades sociais, culturais e gastronómicas. O alcalde explicou que o obxectivo é que a Casa Barbazán se converta "nun lugar vivo e útil para a veciñanza", un espazo que recolla a esencia da economía local e impulse un modelo de consumo máis sostible e responsable. A intervención inclúe ademais a ampliación do edificio mediante unha construción pasiva deseñada con criterios de eficiencia enerxética, así como a reorganización completa do espazo exterior, que incorporará zonas arboradas, pavimentos permeables e áreas preparadas para mercados e actividades ao aire libre.
Durante a presentación do proxecto, Valentín González Formoso subliñou que a iniciativa permitirá resolver unha carencia histórica en Ames: "a falta dun mercado municipal". Explicou que o concello conta cuns importantes recursos vinculados á ecoagricultura e que precisa dun espazo que poña en valor esta produción. "O perfil de cidadán de Ames necesita un escaparate onde mostrar e vender os seus produtos ecolóxicos", afirmou, engadindo que "o proxecto completa a aposta da Deputación pola agricultura ecolóxica, que se inicia no centro de transformación de Brión e culmina neste novo mercado pensado para atraer consumidores de toda a comarca".
Pola súa banda, o alcalde Blas García agradeceu o apoio da Deputación e destacou que sería moi difícil desenvolver proxectos transformadores sen esta colaboración institucional. Indicou que o mercado será "un proxecto singular que beneficiará a Ames e a toda a comarca", ao facilitar o acceso a produtos ecolóxicos e de quilómetro cero e ao ofrecer un escaparate estable aos produtores locais. Sinalou tamén que o edificio integrará medidas de sustentabilidade, como a instalación de paneis fotovoltaicos para a xeración de enerxía e un sistema de aproveitamento de augas pluviais para a limpeza das instalacións, aproveitando así unha vivenda histórica moi coñecida en Bertamiráns para darlle un uso moderno, útil e sostible.
Visita ás obras da Escola Municipal de Música de Aldea Nova
Durante a xornada, Valentín González Formoso e Blas García visitaron tamén as obras de mellora que se están a executar na Escola Municipal de Música de Aldea Nova, financiadas con 253.280 euros a través do Plan Único (POS+).
A intervención incluíu a renovación integral da cuberta, a mellora da impermeabilización e o reforzo do illamento para optimizar o confort térmico e acústico do edificio. Tamén se está habilitando unha nova estancia para o servizo de Protección Civil, adaptando o inmoble á normativa actual, e realízanse actuacións para mellorar os acabados interiores e a eficiencia enerxética global da instalación.
110 obras financiadas polo Plan Único en Ames
Ames é un dos municipios nos que o Plan Único amosou un maior impacto desde a súa creación en 2016. Neste período executáronse 110 obras que supoñen 18,5 millóns de euros en investimentos destinados a mellorar infraestruturas, servizos e programas sociais no municipio.
En total, as achegas da Deputación ao Concello superan os 27 millóns de euros durante os gobernos de Valentín González Formoso. O presidente destacou que "o Plan Único continúa a ser a ferramenta máis eficaz e máis xusta para garantir que os concellos dispoñan dos recursos necesarios para facer fronte ás súas prioridades e mellorar a calidade de vida da veciñanza".
O alcalde Blas García insistiu na importancia deste apoio económico provincial, afirmando que sen o Plan Único, moitas das melloras que hoxe son unha realidade en Ames simplemente non serían posibles. García subliñou que a colaboración institucional permite avanzar na modernización dos equipamentos municipais, apoiar o tecido económico e desenvolver proxectos transformadores como o futuro mercado municipal da Casa Barbazán
