Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inaugura en Negreira, Cee e Corcubión os novos murais da II edición de “Arte no Camiño”

A Deputación da Coruña inaugura en Negreira, Cee e Corcubión os novos murais da II edición de “Arte no Camiño”

A Deputación da Coruña inaugurou onte en Negreira, Cee e Corcubión os novos murais da segunda edición de "Arte no Camiño", un proxecto impulsado pola institución provincial coa colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e dos Concellos de Miño e Carral.

A iniciativa busca integrar a arte urbana nas rutas xacobeas que discorren pola provincia, reforzando a identidade local e enriquecendo a experiencia de peregrinos, visitantes e veciñanza. Con esta edición, o programa consolídase como unha aposta estratéxica pola cultura contemporánea, pola memoria e pola posta en valor do territorio.

O deputado provincial Antonio Leira, destacou que "Arte no Camiño converte a paisaxe en espazos de expresión artística. Este proxecto permite aos artistas reinterpretar a historia, as lendas e a identidade das nosas vilas, e ao mesmo tempo ofrece aos peregrinos unha experiencia cultural única, integrada no Camiño". Leira asegurou que a Deputación seguirá apoiando iniciativas que "fortalezan o carácter cultural do Camiño e dean visibilidade ao talento artístico da nosa provincia".

Os actos de inauguración contaron coa participación do deputado provincial, dos alcaldes e alcaldesas dos concellos implicados e de representantes da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, así como das e dos muralistas, que explicaron o significado das súas obras e o vínculo co Camiño, co territorio e coas súas tradicións.

Os murais da II edición de "Arte no Camiño"

Negreira – Yoseba MP. "Encontro galáctico no Camiño de Santiago"

No mural, o artista representa o último carro tirado por bois de Negreira, conducido por unha parella de anciáns que se cruza no camiño cun grupo de peregrinos. A obra simboliza o encontro entre tradición e presente, a memoria da vida rural e a evolución dos camiños que levan a Compostela e ao fin da terra.

Cee – MØU · "O Reflexo"

O mural reflicte a introspección que acompaña o acto de camiñar. A figura protagonista, mergullada na auga, tenta ver un reflexo difuso que representa a procura da identidade e do obxectivo persoal. Os xuncos que a rodean fan referencia á lenda da Xunqueira, mentres que as estrelas simbolizan os logros alcanzados durante a viaxe.

Corcubión – Laura Suárez

A obra recupera un episodio histórico do ano 1807, cando as mulleres de Corcubión impediron que os homes marchasen novamente á guerra contra as tropas francesas. O mural está pensado para interactuar co peregrino: quen se achega dende o camiño ve primeiro os homes armados e, ao avanzar, as mulleres que os detiveron, sobre un chan de cunchas que evoca o paso das persoas camiñantes.

Outros murais do Camiño Inglés

A vindeira semana inauguraranse outros dos murais no Camiño Inglés, dentro da iniciativa "Arte no Camiño".

Miño – Raquel Germade

A artista presenta un mural contemplativo que invita a reflexionar sobre o camiñar, sobre o que queda diante e detrás, e sobre a relación entre o peregrino e a paisaxe que percorre.

Carral – Isa Bermúdez

Inspirado nas lendas locais sobre fontes curativas e na historia dos peregrinos que recuperaban a saúde ao chegar a Galicia, o mural mostra unha peregrina envolta nunha aura máxica que avanza de noite acompañada de paxaros, en busca desa fonte simbólica de vida e sanación.

Un proxecto cultural que medra

Antonio Leira concluíu que "cada mural é unha porta aberta ao noso pasado e ao noso presente, unha invitación a descubrir a historia local e a conectala coa experiencia do Camiño".

Con esta nova edición, "Arte no Camiño" dá un paso máis na súa consolidación como un dos proxectos culturais máis singulares vinculados aos camiños xacobeos na provincia.