Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 3,7 millóns de euros para apoiar o traballo das entidades sociais da provincia durante 2026

O equipo de servizos sociais da Deputación participou hoxe nunha reunión telemática con representantes de 200 entidades para informar da convocatoria de cinco liñas de subvencións

Mar García salientou que este paquete de axudas "confirma a aposta decidida da Deputación por fortalecer o tecido social e apoiar ás entidades que chegan onde as administracións non sempre poden chegar, garantindo que ningunha persoa nin territorio quede atrás"

A Deputación da Coruña destina 3,7 millóns de euros para apoiar o traballo das entidades sociais da provincia durante 2026

A área de Política Social da Deputación da Coruña celebrou esta mañá unha reunión telemática informativa dirixida ás entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais de toda a provincia, coa fin de presentar as novidades das convocatorias de subvencións para o ano 2026.

No encontro, realizado por videoconferencia, participaron representantes de arredor de 200 entidades sociais, que puideron coñecer de primeira man os cambios previstos nas convocatorias do vindeiro ano e trasladar as súas preguntas, dúbidas e suxestións ao equipo técnico da Deputación.

Na sesión interviron a deputada responsable da área de Política Social, Mar García Vidal, así como a xefa de sección e o persoal técnico e administrativo do departamento, quen detallaron os obxectivos das convocatorias e os criterios de valoración e tramitación das mesmas.

3,7 millóns en cinco liñas de axudas

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, explicou que as axudas de Servizos Sociais de 2026 suman un total de 3,7 millóns de euros, convocadas en cinco liñas de subvencións diferentes que xa teñen aberto o prazo de solicitudes e que as entidades poderán destinar a cuestións como o mantemento de programas e servizos no ámbito social (900.000 €), o mantemento dos centros (900.000 €), novos investimentos (1 millón de euros), mantemento de programas sociosanitarios (500.000 €) e adquisición de furgonetas para o transporte de usuarios e vehículos adaptados (400.000 €).

Mar García salientou que este paquete de axudas "confirma a aposta decidida da Deputación por fortalecer o tecido social e apoiar ás entidades que chegan onde as administracións non sempre poden chegar, garantindo que ningunha persoa nin territorio quede atrás". Destacou ademais que "2025 foi un ano de avance histórico na modernización dos servizos sociais provinciais, tanto nos programas de intervención como nos centros e na mobilidade" e que espera que en 2026 "este apoio da Deputación poda ser aínda maior".

A deputada destacou a importancia de manter unha colaboración fluída e permanente co tecido asociativo da provincia, sinalando que o seu labor resulta imprescindible para garantir a atención ás persoas e colectivos máis vulnerables.

As entidades asistentes dispoñen das canles habituais do departamento para continuar resolvendo dúbidas e avanzar na preparación dos seus proxectos.