A Deputación da Coruña destaca o impacto do PEL na creación de emprego e na dinamización da actividade das pequenas empresas e autónomos
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, visitou hoxe varias empresas beneficiarias en Oroso e Betanzos e lembrou que está aberto o prazo para solicitar as axudas PEL 2026
A deputada provincial de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou hoxe diferentes empresas dos concellos de Betanzos e Oroso que recibiron apoio económico a través das liñas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, co obxectivo de coñecer de primeira man o impacto destas axudas na actividade económica e na consolidación de emprego estable.
En Betanzos, a deputada achegouse á Autoescola Seda, S. Coop Galega de Betanzos, dedicada á ensinanza da condución, que recibiu 13.580 € en 2024 para investimentos e 11.000 € en 2025 para contratación de persoal. Grazas a estas achegas, a cooperativa puido modernizar recursos, mellorar servizos e consolidar postos de traballo, mellorando a súa actividade, segundo explicaron os responsables da empresa.
Posteriormente, en Oroso, visitou xunto ao propietario, Jesús Raña, a empresa Frutas y Verduras Suso, especializada na elaboración e envasado de verduras e hortalizas listas para consumir. A firma recibiu 14.700 € en 2024 a través da liña de investimentos do PEL, o que lle permitiu reforzar a capacidade produtiva e ampliar a oferta de produtos frescos listos para o consumo ou preparación inmediata.
Durante as visitas, Rosa Ana García subliñou que o PEL "é unha ferramenta fundamental para que as pequenas empresas e as persoas autónomas poidan dar pasos adiante, investir, mellorar a súa actividade e crear emprego estable". A deputada destacou que estas axudas "están deseñadas para chegar onde máis falta fai: aos negocios que sustentan a economía local, especialmente no rural, e que precisan apoio directo para seguir medrando e competindo en igualdade de condicións
As axudas PEL 2026 poden solicitarse ata o 16 de decembro
A deputada de Emprego lembrou ademais que o PEL 2026 xa ten aberto o prazo de solicitudes ata o 16 de decembro e conta cun orzamento total de 8,6 millóns de euros destinado a apoiar a contratación de persoal, a realización de novos investimentos en empresas e pequenos negocios, o pagamento das cotas á Seguridade Social e dos alugueiros de locais e centros de traballo das persoas autónomas.
As axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 48.900 euros por persoa ou empresa beneficiaria, deben tramitarse exclusivamente de forma telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación da Coruña.
A institución provincial subliña que estas liñas permitirán seguir xerando emprego, consolidar pequenos negocios e impulsar actividades económicas, especialmente nos concellos do rural e nos sectores con maiores dificultades de acceso a financiamento.
Un programa estratéxico para a provincia
Desde o seu lanzamento en 2016, o PEL permitiu crear máis de 8.000 empregos en toda a provincia e apoiar centos de investimentos en pequenas empresas e persoas autónomas, contribuíndo a fortalecer o tecido produtivo, impulsar o emprendemento e favorecer a fixación de poboación, especialmente nos concellos máis pequenos.
