Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca “o papel esencial” de AFACO na atención ás persoas con Alzheimer durante o seu 30º aniversario

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou hoxe no Congreso e destacou o "traballo insubstituíble e imprescindible de AFACO con centos de familias que atopan respaldo, orientación e alivio nun momento vital especialmente complexo"

A Deputación da Coruña destaca “o papel esencial” de AFACO na atención ás persoas con Alzheimer durante o seu 30º aniversario

A deputada provincial responsable de Política Social, Mar García Vidal, participou hoxe no acto institucional polo 30º aniversario de AFACO, onde puxo en valor o compromiso da entidade e o seu impacto directo na mellora da calidade de vida das persoas con Alzheimer e das súas familias en Galicia.

García Vidal salientou que "AFACO representa tres décadas de dedicación, de acompañamento e de defensa da dignidade das persoas con deterioro cognitivo. O seu traballo é insubstituíble e imprescindible para centos de familias que atopan respaldo, orientación e alivio nun momento vital especialmente complexo".

Durante o evento, que contou con expertos en neuroloxía, psicoloxía clínica, atención primaria e traballo social, a deputada insistiu na necesidade de "continuar reforzando as políticas públicas orientadas ao coidado, á intervención temperá, á investigación e ao apoio ás persoas coidadoras". "Non hai sociedade xusta se non coidamos de quen máis o precisa. A Deputación seguirá ao carón de entidades como AFACO, apoiando e impulsando recursos que garantan unha atención máis humana, máis próxima e máis efectiva", afirmou Mar García Vidal.

A deputada provincial recoñeceu tamén o labor do persoal profesional e das coidadoras e coidadores familiares, "que sosteñen con agarimo e compromiso os recordos que a enfermidade tenta borrar".

García Vidal concluíu facendo un chamamento á cooperación institucional e social para afrontar o aumento das demencias nunha sociedade cada vez máis envellecida: "Este aniversario non só celebra o camiño percorrido, senón que marca un reto claro: que ningún recordo, e sobre todo ningunha persoa, quede atrás".