Formoso celebra a aprobación do programa de modernización das F-100, que consolida “o maior impulso industrial para Ferrol en décadas”
Destaca o "investimento histórico" do programa de Defensa, que se eleva dos 2.000 millóns previstos inicialmente a 3.200 millóns e garante a creación de 3.500 empregos
O presidente da Deputación lembra que a comarca xa executa a construción das F-110, cun investimento de 4.500 millóns, e o novo BAC, por 440 millóns, que consolidan "máis dunha década de carga de traballo en Navantia Ferrol"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, celebrou hoxe a aprobación polo Consello de Ministros do plan de modernización das fragatas F-100, unha decisión que mobilizará 3.200 millóns de euros e que garante unha década de intensa actividade industrial nos estaleiros de Ferrol, con preto de 3.500 empregos directos, indirectos e inducidos. "É unha excelente noticia para Ferrol e para toda a comarca, unha garantía de estabilidade laboral e unha mostra clara do firme compromiso do Goberno de España co sector naval galego", sinalou.
Formoso lembrou que no pasado mes de febreiro mantivo en Madrid unha reunión coa ministra de Defensa, Margarita Robles, para solicitar a luz verde a este programa, que agora se activa cun investimento histórico que mesmo supera o previsto inicialmente, ao elevarse dos 2.000 millóns anunciados aos 3.200 aprobados agora polo Executivo. "O Goberno de España cumpre con Ferrol e faino reforzando aínda máis a súa aposta sen precedentes polo naval", asegurou.
O presidente destacou que esta decisión chega nun momento no que a comarca xa está inmersa noutra das grandes actuacións estratéxicas da industria naval militar española: a construción das fragatas F-110, un programa valorado en 4.500 millóns de euros que se estenderá ao longo dunha década e que constitúe o proxecto de construción de buques de guerra de maior envergadura acometido pola Armada nas últimas cinco décadas, desenvolvido integramente en Ferrol e nos concellos da súa contorna.
Tamén puxo en valor o avance do novo Buque de Aprovisionamento en Combate (BAC), comprometido no seu día polo presidente Pedro Sánchez cun investimento de 440 millóns de euros e que suporá unha carga de traballo estimada en tres millóns de horas e arredor de 1.800 empregos. Trátase dun buque esencial para o apoio loxístico e operativo da Armada, pero tamén con capacidade para participar en misións non bélicas como operativos de axuda humanitaria.
Formoso subliñou que o impacto destes programas "non se limita a Navantia, senón que se estende a toda a industria auxiliar e á ampla rede de pequenas e medianas empresas que sustentan o ecosistema naval e industrial da comarca". Sinalou especialmente a importancia que teñen para concellos como Narón, onde se concentra boa parte do tecido industrial vinculado ao sector. "Estes compromisos supoñen actividade, innovación, emprego e estabilidade laboral para miles de familias. A comarca de Ferrol merece esta confianza, e na Deputación celebramos esta aposta sen precedentes do Goberno de España polo sector naval de Ferrol", concluíu.
